Seguen as mobilizacións do persoal de limpeza de Lugo en demanda dun convenio digno e con melloras salariais reais
Deste volta, o persoal levou a protesta ás portas da Casa do Concello de Lugo e posteriormente foi en manifestación pasando polos edificios de Correos, Facenda e a Deputación, xa que as administracións públicas son uns dos principais clientes das empresas de limpeza.
Porén, subliñaba Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, logo das tres xornadas de protestas (ás que lle hai que sumar outras mobilizacións previas) a situación continúa a ser a mesma, sen novas ofertas por parte da patronal, e á espera de concretar á seguinte reunión da mesa de negociacións.
A sindicalista volveu rexeitar a proposta económica presentada pola patronal, que nin sequera se ve compensada con melloras sociais, e que as traballadoras e traballadoras consideran unha “miserenta esmola”, pois estamos a falar dun sector moi precarizado, xa que preto do 90% do persoal traballa a tempo parcial, “polo que cobran moi por debaixo do SMI”.
A pesar desta dura realidade, a parte empresarial pretende impor a conxelación salarial para o ano 2015 e uns ridículos incrementos do 0.40% para 2016 (o que suporía unha suba de 3.60 euros/mes) e do 0.60% para 2017 (un incremento de 5.25 euros/mes).
O calendario de mobilizacións continuará o xoves 23 e o xoves 30 de xuño.