Sar Quavitae manobra para deixar a CIG fóra das eleccións e un mes despois despide a 1 das candidatas
A CIG-Servizos da Coruña quere denunciar publicamente as manobras da empresa Sar Quavitae para botar abaixo a candidatura da CIG nas eleccións sindicais da Residencia de Maiores Concepción Arenal (de titularidade pública pero de xestión privada), así como a política de persecución que está a practicar contra as traballadoras que formaban parte das listas da central. Unha persecución que se concreta no despedimento arbitrario da traballadora que encabezaba unha das candidaturas, menos dun mes despois de celebradas as eleccións.
Para a CIG estamos ante un auténtico "pucherazo" orquestrado pola empresa, que xerou o escenario propicio para tombar as candidaturas da CIG -tanto no colexio de técnicos/as como no de especialistas- e impedir que obtivera representación nesta residencia. De feito as manobras da dirección levaron a que, tras seren comunicadas en tempo e forma, "cando a central presentou as candidaturas á Mesa Electoral, varios membros se negaran a admitilas argumentando que non levaban o cuño de rexistro de entrada da empresa e que, como foran recibidas por outro membro da Mesa que formaba parte da candidatura da CIG, non eran válidas".
Presentouse entón laudo arbitral e a árbitra resolveu darlle a razón á Mesa. Deste xeito, a CIG quedaba fóra do proceso de eleccións sindicais.
Que a manobra da empresa é amplamente rexeitada polo persoal do centro ficou claro no resultado das eleccións celebradas o 28 de novembro: das 129 traballadoras e traballadores que podían participar no proceso, só acudiron a votar 27. Desta maneira, con 23 votos, CCOO logrou 7 delegadas/os, mentres que UGT obtivo 2 membros no comité soamente con 4 votos. "Estamos ante un golpe da empresa contra a CIG con resultados moi favorábeis para as outras dúas organizacións sindicais", subliña a Federación de Servizos.
A CIG tiña dúas delegadas moi activas
Cómpre subliñar que nas anteriores eleccións (presentando candidatura nun único colexio), a CIG obtivera dúas delegadas de persoal. Estas dúas delegadas desenvolveron un labor activo, constante e reivindicativo, formulando de seguido queixas e denuncias sobre os incumprimentos da empresa: falta de persoal, cuadrantes, exceso de xornada, falta de compensación de festivos traballados, etc. E mesmo chegaron a reunirse coa Consellaría de Política Social para abordar o incumprimento das ratios, xa que nesta residencia hai unha sobrecarga brutal de traballo e o cadro de persoal non está suficientemente dimensionado para atender o número de usuarias/os.
"A todas luces, para Sar Quavitae (propiedade do grupo Geriatros), a representación da CIG resultaba molesta e por iso fixo todo o posíbel para evitar que puidera sequera presentar candidatura", valoran. A CIG ten impugnado todo o proceso pola vía xudicial.
Despedimento dunha das candidatas
Pero non satisfeita, tras das eleccións, a dirección comezou unha persecución contra as traballadoras que formaron parte das candidaturas da CIG e cuxa consecuencia máis directa até o momento é o despedimento da empregada que encabezaba unha das listas. A escusa para rescindirlle o contrato tamén é de manual: despedimento disciplinario por unha baixada voluntaria do rendemento. Para a CIG este despedimento responde a unha represalia da empresa polo que reclama a nulidade do mesmo e que se readmita de xeito inmediato á traballadora.
Paradoxalmente, días antes de ser despedida, a traballadora remitira un escrito de reclamación á empresa, queixándose pola sobrecarga de traballo a causa da falta de persoal de enfermería para atender a quenda de tarde (só había unha enfermeira), que se está a exceder a xornada diaria e que o persoal nin sequera pode facer o descanso regulamentario de 20 minutos.
Inicio de mobilizacións o 25 de xaneiro
Á vista deste cúmulo de despropósitos e ante o temor de que a empresa estenda a persecución a todas as persoas afíns á central sindical, a CIG estuda levar adiante un intenso calendario de mobilizacións neste centro de traballo, que comezará o próximo 25 xaneiro cunha concentración diante da Residencia Concepción Arenal (rúa Sebastián Martínez Risco, 11), "para esixir a inmediata readmisión da traballadora despedida e o cese das represalias".