Sanidade obvia a mesa sectorial e pretende negociar cos colexios médicos as condicións laborais do colectivo
A CIG-Saúde denuncia que a Consellaría de Sanidade vén de anunciar mediante unha nota de prensa que <<a Xunta e os colexios de médicos traballarán conxuntamente na busca de solucións para paliar a falta de profesionais sanitarios>> e lembra que a mesa sectorial é o ámbito de negociación das condicións de traballo do conxunto do persoal da sanidade pública, “xa que é o órgano de representación que se escolle nas eleccións sindicais, e polo tanto o que está lexitimado para levar a cabo estas negociacións”.
Mais o departamento autonómico anuncia a constitución dun grupo de traballo cos “colexios de médicos” no que <<se incidirá nas demandas que a Xunta xa lle vén trasladando dende hai tempo ao Goberno de España, como responsable último na adopción das medidas necesarias para incrementar o número de profesionais dispoñibles e garantir a mellor asistencia sanitaria>>. “É dicir, o que pretende a Consellaría é trasladar as responsabilidades, cando non fan uso das súas competencias para planificar as necesidades reais dos profesionais dende hai moitos anos e para mellorar as condicións laborais das persoas que traballan na sanidade pública”.
A Consellaría pretende trasladar as responsabilidades, cando non fan uso das súas competencias para planificar as necesidades reais dos profesionais e mellorar as condicións laborais do persoal da sanidade pública
Neste senso, lembran que na mesa sectorial de abril de 2023 a dirección do Sergas e as organizacións sindicais -agás a CIG-Saúde- asinaron un acordo de intencións no marco de negociación do Plan de Ordenación dos Recursos Humanos de Atención Primaria que establecía un calendario de actuacións que non se están a cumprir,“confirmando a posición de central sindical de non asinar un acordo de intencións senón medidas concretas do Plan de Ordenación.
“Pois ben, ano e medio despois séguese nas mesmas: creando grupos de traballo con entidades que non representan as persoas que traballan na sanidade pública para atrasar aínda máis as medidas que sabemos que hai que tomar”.
A primeira delas sería realizar unha análise da realidade centro a centro: que profesionais hai, que actividades realizan (definidas nas carteiras de servizos), que poboación temos e cantos/as profesionais se necesitan para ofrecer esa carteira de servizos con calidade. E alí elaborar, alí onde sexa necesario, un plan de incorporación de profesionais nun proceso secuenciado.
Dignificar as condicións laborais
Dende a CIG-Saúde inciden en que as dificultades que existen nestes momentos para atopar determinadas categorías de profesionais (medicina de familia, pediatría ou enfermaría) derívanse das condicións de traballo “precarias e penosas” nos centros de saúde. Por iso entenden que a actuación da Consellería debera centrarse en achegar calidade a estes postos de traballo para facelos máis atractivos e non en crear grupos de traballo que atrasen estas medidas.
“Sanidade xa sabe que ten que planificar, investir cartos e dotar de recursos a Atención Primaria, e crear unhas estruturas de xestión adecuadas para xestionala; e nada disto aparece nos orzamentos do 2025”, lamentan. Pero para a Consellería a convocatoria das reunións relacionadas con Plan de Ordenación de Atención Primaria non son unha prioridade e, no cronograma presentado na mesa sectorial atrasásanas a marzo do 2025.
“Semella que o conselleiro prefire obviar o conxunto de persoas que traballan na sanidade pública, adiar as tomas de decisión e evitar negociar melloras nas condicións laborais, e opta por constituír cos “colexios de médicos” un grupo de traballo no que as persoas traballadoras non estarán representadas”.
Finalmente, sinalan que no comunicado de prensa da Consellaría tamén se anuncian medidas para prestixiar a profesión. “Na CIG-Saúde creemos que o que prestixia a profesión son as boas condicións laborais e salariais e a dotación axeitada de recursos que permitan ofrecer o mellor servizo á cidadanía”.