Sanidade manterá a suspensión da vacinación ao persoal dos centros docentes
Saúde Pública trasladou á CIG-Ensino nunha reunión, que a Xunta vai manter o cumprimento das normas pactadas a nivel estatal e que rematarán primeiro a vacinación das persoas maiores de 60 anos.
Despois de ter denunciado as improvisacións e a falta de coherencia nas decisións na campaña de vacinación do persoal dos centros educativos e outros colectivos esenciais, así como demandar a convocatoria dunha reunión para que se deran todas as explicacións sobre que decisións se van adoptar con quen non foi aínda vacinada ou con todo o colectivo pendente da segunda dose, ambas Consellarías mantiveron este martes unha videoconferencia na que a CIG-Ensino, alén de reiterar as súas críticas pola decisións adoptadas, trasladou como que se debe completar a vacinación de todo o persoal dos centros educativos e outros colectivos esencias, por coherencia cos criterios anteriores.
Neste sentido, demandou que se vacine canto antes a quen aínda non recibiu a primeira dose e lembrou que pedira na última Mesa Sectorial datos numéricos de persoal non vacinado e que, a día de hoxe, non se proporcionaron.
A maiores das cifras, tamén pediu datos concretos de persoal non vacinado: maiores de 65 anos, incidencias sen resolver, por reincorporación dunha baixa médica, por novas contratacións, por estar a media xornada, etc. Se a vacinación non vai coa rapidez que debería podería comezar o curso con profesorado sen vacinar, o que implica unha total contradición cos criterios de atención a colectivos esenciais.
Coincidencia coas oposicións
Para a CIG-Ensino é preocupante que a segunda dose poida coincidir coas oposicións. Por iso instou a que se tomen medidas para aquel persoal que participa nos procesos, ben para procurar que non coincida ou, se é inevitábel e non pode acudir por coincidirlle cun exame que sexa rechamado inmediatamente.
Ademais, respecto da segunda dose preguntou sobre que vai pasar con ela (se se dispensará AstraZeneca ou outra) e manifestou a súa preocupación por que en todo este proceso de vacinación do persoal dos centros educativos non se tivese en conta en ningún momento ao persoal docente e non docente das universidades, así como aquel alumnado que está a facer as prácticas en centros educativos.
Xunto a isto inquiriu á administración respecto de se finalmente o alumnado de FP que fai as prácticas en residencias e centros de atención a persoas maiores foron ou van ser vacinadas.
Á CIG-Ensino cónstalle que hai colectivos de atención a menores e ao sector da discapacidade que non foron vacinados malia estar catalogados como grupo esencial.
Mutualistas de MUFACE
A federación preguntou á Xunta se teñen constancia de que se manteñan os problemas con persoas mutualistas de MUFACE xubiladas e lembrou que pedira, nunha reunión con Saúde Pública, que se crease unha web para poder comunicar incidencias se o teléfono do SERGAS está colapsado.
Requiriu ademais información sobre o que vai pasar coa certificación de vacinación da Xunta no caso das persoas que non teñan atención sanitaria co SERGAS.
Alén disto, a CIG-Ensino asegura que na reunión non se proporcionou ningunha información novidosa que non se tivese feito pública con anterioridade, polo que a reunión non tivo ninguna efectividade práctica.
Quedou claro que a vacinación para persoal dos centros educativos e outros colectivos esenciais está paralizada mentres non se vacina ás persoas maiores de 60 anos.
A vacinación de persoas menores de 60 anos faríase con Pfizer ou Moderna, de 60 a 69 con Astrazeneca ou Janssen e de máis de 70 con Pfizer, Moderna ou Janssen. “Isto aínda pode faría máis complexo o proceso de reanudación da vacinación ao persoal de colectivos esenciais pendentes, en función da chegada dunha maior ou menor cantidade dunha vacina ou outra, polo que non dan ningunha data de referencia”.
En todo caso, o profesorado e outro persoal dos centros maiores de 60 anos estaría xa a vacinarse polo seu grupo de idade. Pero, de momento, non se sabe que decisión se vai adoptar coa segunda dose, partindo de que a Axencia Europea do Medicamento indica que se debe vacinar con AstraZeneca e que a nivel estatal non se adoptou aínda unha decisión ao respecto.
O SERGAS informou de que está a traballar coas diferentes mutuas (MUFACE, etc..) a nivel de bases de datos para poder proporcionar certificados de vacinación tamén a que non ten a prestación sanitaria co SERGAS.
O que non hai aínda é un proceso de vacinación para nenos e nenas. De momento só se vacina a maiores de 16 anos con procesos oncolóxicos e grao de dependencia III, aínda que hai pasos adiante para rebaixar até os 12 anos, mais só en fase de solicitude de autorización á AME.
A administración indicaou tamén que van facer o posíbel para vacinar canto antes o alumnado que fai as prácticas en centros de día ou residencias de maiores, para garantir a máxima protección destas persoas. “Din que resolveron moitas incidencias de MUFACE e que acaban de triplicar as persoas que atenden o teléfono e que trasladaron a nosa demanda unha servizo web mais que aínda non o fixeron”.