Salarios: estancados ou en retroceso?

Manuel Mera - 20 Nov 2024

Os datos sobre a repartición do PIB non se modificaron no esencial durante as últimas décadas, agás respecto das axudas sociais e algunha imposición tributaria conxuntural, por parte dos gobernos “progresistas”. O maior esforzo na procura duns ingresos e condicións laborais máis dignas foi esencialmente produto da loita da clase traballadora

Segundo un informe da OCDE do mes de xullo deste ano o salario real medio do Estado español (EE) permaneceu conxelado nos últimos 30 anos, xa que era de 29.588 euros de salario bruto no ano 1993 e de 30.654 no ano pasado. Ou sexa, un crecemento ínfimo do 0,12%. Unha tendencia que por suposto tamén se deu no país galego, mais cun salario medio máis baixo, de 23.252 euros, ou sexa, un 24,7% menor que a media do EE.

 Son uns datos que deixan en evidencia a consolidación da desigualdade, malia a mobilización na procura da mellora nas condicións laborais, como consecuencia dunha maior concentración e centralización da riqueza e do poder, como un reflexo directo do avance da globalización neoliberal. Así o reflicten tamén os datos negativos do INE respecto do número de asalariados/as segundo os ingresos tomando como base o salario mínimo. Os datos: no ano 2012 un 12,25% cobraba menos dun Salario Mínimo Interprofesional (SMI), mentres que en 2022 era o 17,1%. Para o segmento de entre un e dous SMI era 33,15% e 48,16% en 2012 e 2022 respectivamente. É dicir, que en 2022 un 65,26%, ou sexa 2/3 da clase traballadora, cobraba igual ou menos que dous salarios mínimos.

 Estes datos deixan en evidencia que non abonda co aumento do SMI que se realizou durante a última década polos gobernos denominados “progresistas”, se ademais non se reduce drasticamente a temporalidade e a contratación a tempo parcial, e unha moi numerosa man de obra de reserva (desemprego e inmigración irregular) que é  máis alta da Unión Europea segundo Euroestat. As consecuencias son que a pobreza atinxe un 26,5% das persoas no EE, mesmo tendo un emprego, e a un 25,5% da poboación na Galiza (690.000 persoas), afectando sobre todo a determinados colectivos, como a inmigración de orixe exterior á UE (un 53%), e unha porcentaxe semellante nas familias monoparentais. 

 Os datos sobre a repartición do PIB non se modificaron no esencial durante as últimas décadas, agás respecto das axudas sociais e algunha imposición tributaria conxuntural, por parte dos gobernos “progresistas”. O maior esforzo na procura duns ingresos e condicións laborais máis dignas foi esencialmente produto da loita da clase traballadora (organizada nos sindicatos de clase e combativos e que manteñen a iniciativa, como exemplo a CIG).

 En resumo, a clase traballadora en 2022, sendo un 81,8% da poboación ocupada (unha porcentaxe maior sumando os/as parados) só representaba un 43,9% do PIB (incluíndo salarios de directivos); esta é a foto que mide a correlación de forzas. Daquela, en poucas palabras: aínda cómpre máis organización sindical e política, mobilización e gañar a batalla do relato (na conciencia colectiva), con obxectivos concretos en todos os ámbitos, por exemplo o laboral e institucional. Trátase polo tanto de obter éxitos nesta conxuntura e avanzar nos obxectivos intermedios; ambos son fundamentais constrúen a folla de ruta para conquistar a xustiza social e a soberanía nacional.

 

[Galiza, 20 de novembro de 2024]