Rexístrase no Parlamento de Galiza a ILP “por unha CRTVG ao servizo do pobo”
A plataforma “por unha CRTVG ao servizo do pobo” rexistrou esta mañá, no Parlamento galego, unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para que, por lei, a radiotelevisión de Galiza cumpra os fins para os que foi creada: promoción e defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura; garante do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social e promoción activa da igualdade entre homes e mulleres.
Coa presentación do texto articulado, a Mesa do Parlamento procederá a examinalo e resolverá sobre a súa admisión no prazo dun mes. Unha vez admitida a ILP, a Mesa terá que comunicarllo á Xunta Electoral de Galiza que garantirá a regularidade do procedemento de recollida de sinaturas -un mínimo de 10.000- pola Comisión Promotora.
Foi Tereixa Navaza quen actuou como voceira da plataforma na posterior rolda de prensa, na que compareceu acompañada por algúns dos representantes das 40 asociacións que apoian esta ILP, desde organizacións políticas até sindicais -en representación da CIG estaban Paulo Carril e Susana Méndez-, asociacións sociais, civís, culturais ou en defensa da lingua.
A histórica xornalista lembrou que “é un dereito da cidadanía ter información veraz” e subliñou que os medios públicos “non pertencen a ningún goberno, sexan cales sexan ás súas siglas, só teñen un amo, que é a cidadanía deste país”.
Así incidiu na necesidade de fortalecer a democracia da que “son o fundamento”, denunciou que, fronte ao papel que deben xogar “están censurados” e afirmou que o control ao que están sometidos por parte do PP “inventouse na Alemaña do ano 1933”.
A modo de exemplo lembrou os ataques dun xefe de informativos ao Informe que vén de facer público o Consello da Cultura respecto de Altri. Un informe elaborado por profesionais das universidades galegas, especializados en territorio, en medio ambiente e emitido por “un órgano institucional de Galiza creado para asesorar, informar e aconsellar ao goberno”.
Deste xeito, Navaza ilustraba a manipulación informativa que vén denunciando a Plataforma “Por unha CRTVG ao servizo do pobo” desde o seu nacemento. Denuncia á que engadiu a dos “nomeamentos a dedo” destes cargos para controlar a información que se emite desde os nosos medios públicos.
Os contidos da ILP
Esta Iniciativa Lexislativa Popular é, como dixo Navaza, “un reflexo absoluto do pluralismo ideolóxico deste país”. Preserva a promoción e defensa de Galiza, da súa lingua e da súa cultura; fomenta a produción propia e garante o dereito de acceso a todos os colectivos que, subliñou, “son os propietarios deste medio de comunicación, dos medios públicos deste país”.
A ILP pon especial atención na programación infantil e xuvenil, propoñendo a creación de canles temáticas, e na preservación do patrimonio documental. Mais tamén na democratización da propia CRTVG, a comezar polo nomeamento do seu director ou directora xeral. A este respecto Navaza denunciou que o actual “está ilegalmente desde o ano 2016, cando o goberno presenta, á vez que os orzamentos, unha manobra, na lei de acompañamento” para que continúe no seu posto.
Fronte a isto, a ILP propón que o nomeamento deste cargo sexa por concurso público, coa aprobación polos tres quintos do Parlamento de Galicia, cunha prórroga máxima dun ano cando esgote o seu mandato.
Informativos propios
Ademais a Iniciativa Lexislativa Popular incide en que a produción e edición de informativos non se poida pasar a unha subcontrata, para evitar que poidan estar en mans de empresas de fóra; aposta por un Estatuto Profesional; pola creación dun Consello de Informativos que garanta unha información veraz e que sexa respaldo profesional para as traballadoras e traballadores “que están sometidos a unha tensión tan brutal” e mesmo con problemas de saúde. Unha situación que a voceira cualificou de “inhumana” e de “burla á cidadanía e á democracia”.