Rexeitan que DomusVi pretenda responsabilizar o persoal do contaxio masivo na residencia de Outeiro de Rei
A representación da CIG na residencia DomusVi de Outeiro de Rei rexeita que a empresa pretenda responsabilizar ao persoal pola situación de contaxio masivo que se rexistra nesta residencia "cando demostrou sobradamente a súa profesionalidade e o seu compromiso coa atención e os coidados das persoas residentes". De feito, lembran que todo o período do estado de alarma, foi o esforzo das traballadoras e traballadores quen permitiu que o centro estivera libre de coronavirus.
Así mesmo, a CIG-Servizos critica demora da Xunta de Galiza en tomar a decisión política de intervir o centro que non se produciu até que había 144 usuarios/as positivos e 24 traballadoras/es. "Esta intervención tíñase que ter feito moito antes se a pretensión da administración era intentar frear os contaxios e non, como parece, garantir coidados paliativos".
Neste senso, Carme Antas, da executiva da CIG-Servizos de Lugo, subliña que a intervención da Xunta "non mudou as nefastas circunstancias nas que o persoal segue prestando servizos", xa que non se efectuaron contratacións para cubrir as baixas por contaxio e os illamentos, coa carga física e mental que isto supón para o resto de traballadoras e traballadores.
Un número de efectivos, engade Antes, que resulta totalmente insuficiente "polo que para poder cubrir os coidados básicos estanse dobrando quendas e hai unha absoluta falta de medidas de prevención, tendo en conta que o persoal das distintas quendas está usando a mesma roupa de protección covid cunha deficiente desinfección".
Responsabilidades políticas da consellaría
Diante destes feitos, a CIG e a representación da central nesta residencia de DomusVi instan a Consellaría de Política Social (que en datas recentes anunciaba estar levando a cabo unha campaña de control no sector) a que suma a responsabilidade política "de non permitir que os coidados, a saúde e a vida dos nosas persoas maiores non reúnan as condicións requisitos básicos en base a puros intereses económicos". E nesta liña, reclaman a intervención de todas as residencias primadas de Galiza.
Finalmente, dende a CIG-Servizos de Lugo tamén se quere trasladar todo o apoio e solidariedade tanto ás persoas residentes e as súas familias como ao conxunto das traballadoras e traballadoras da residencia de Outeiro de Rei ante a situación que están a vivir.