Retómanse as negociacións do convenio da limpeza de Lugo tras 26 días de folga
Catro meses despois da última proposta presentada pola parte social e despois de 26 días de folga, a patronal da limpeza volvía sentar este venres na mesa de negociación. Logo de darlle moitas voltas e de lanzar acusacións inxustas contra as traballadoras pola loita exemplar que están a desenvolver, ASPEL movíase un mínimo nas súas posicións e trasladaba unha nova proposta á parte social.
O próximo luns, ás 11:30h, está convocada unha asemblea para informar da reunión coa patronal e explicar polo miúdo o contido da proposta e que sexan as propias traballadoras quen valoren se a consideran suficiente ou non, e se supón un paso para seguir negociando. En calquera caso, apuntou Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, a folga continúa adiante e quedou fixada nova reunión da comisión negociadora para o 20 de novembro.
Castiñeira criticou a actitude coa que a patronal estatal iniciou a xuntanza xa que, despois de meses de silencio, pretendía acusar de vandalismo as traballadoras "cando o que están facendo é pelexar por uns salarios dignos fronte á miseria e á pobreza que ofertan unhas empresas que obteñen beneficios millonarios, precisamente a conta de explotar a estas compañeiras".
De feito, a representante de Eulen queixouse pola ocupación que o persoal fixo das oficinas de Lugo o pasado 27 de outubro para exixir o desbloqueo da negociación colectiva. "Esa acción de protesta parécelles maltrato, pero o que a patronal leva facendo meses coas traballadoras, negándolles un convenio digno e obrigándoas a estar na rúa dende hai 26 días para conseguir unhas condicións xustas, iso non lles parece maltrato", denuncia Castiñeira.
Á espera do que valore o sector na asemblea do próximo luns, a representante incidiu en que é a patronal quen ten que mover as súas posicións porque a plataforma social "non ten marxe de manobra e non imos rebaixar as nosas demandas".