Renace a austeridade
A austeridade burguesa volve chamar á porta. Nunca se foi. É o sino dun sistema económico que acumula demasiadas contradicións e que é manifestamente incompatíbel cos límites do mundo natural. Haina que enfrontar cun discurso realista que poña en evidencia a necesidade dunha profunda transformación social
I
Ser presidente de Francia obriga a realizar proclamas contundentes. É o que ten formar parte dunha cultura que, desde a Revolución de 1789, se viu a si propia como centro da nova civilización. Fíxoo Sarkozy na crise de 2008, ao proclamar a necesidade de transformar o capitalismo, e repetiuno Macron ao anunciar “a fin da abundancia”. Frases baleiras, pensadas para impactar nos medios, pero que conectan con algúns aspectos relevantes da realidade. Danlles un certo contido. Xa sabemos que a reinvención do capitalismo consistiu en salvar o sistema financeiro e endurecer as políticas neoliberais. Agora anúnciannos directamente que o único que podemos esperar son políticas de austeridade máis ou menos radicais. Unha situación que levan tempo experimentando importantes capas sociais dos países capitalistas desenvolvidos e a inmensa maioría do resto da poboación mundial.
O concepto de austeridade renace en cada fase crítica do capitalismo. Utilízase con fins variados, aproveitando que se ofrece a unha variada gama de interpretacións. Na crise da década de 1970, a chamada á austeridade estivo fundamentalmente dirixida a xustificar a desvalorización salarial, e liquidar os mecanismos de indexación salarial co argumento que tiñan un forte impacto inflacionario. Foi tamén o momento no que se puxo en circulación o concepto de “inflación subxacente”, que só mide as variacións dos prezos sen ter en conta os aumentos da enerxía e as materias primas. Tratábase doutra forma de xustificar reducións de salarios reais en épocas de inflación de prezos enerxéticos. Na crise de 2008-2010, o concepto concentrouse máis no espazo das políticas públicas. Aos países endebedados acusáronos de gastar por riba das súas posibilidades, e forzáronse dolorosos recortes do gasto público. Neste caso, a austeridade centrouse nos recortes orzamentarios e as reformas das pensións públicas. Fíxose unha menor énfase nas cuestións salariais porque facía tempo que os sindicatos eran débiles e desmantelouse o sistema de protección de rendas, o que non impediu que en lugares como o Estado español se aprobase unha reforma laboral radical, que incorporaba de facto unha enorme desvalorización salarial.
Agora, a chamada á austeridade parece ter dous obxectivos: o primeiro é impedir que renazan as demandas de indexación de rendas. O discurso dominante é que a inflación veu de fóra e todos temos que contribuír a freala. Hai unha reiterativa vontade de presentar os fenómenos económicos, fundamentalmente de raíz social, coma se fosen fenómenos meteorolóxicos aos que simplemente cómpre adaptarse (aínda que hoxe sabemos que os comportamentos sociais inflúen poderosamente no clima). En segundo lugar, parece ser un obxectivo do concepto de austeridade mentalizar a poboación ante posíbeis recortes de aprovisionamentos, especialmente enerxéticos, nos próximos meses. En todo caso, trátase sempre dun discurso xenérico, no que semella que todo o mundo ten a mesma cota de responsabilidade no gasto excesivo. E, sobre todo, onde a chamada ao sacrificio se acaba concentrando na poboación do común.
II
A idea de austeridade ten outro sentido para a esquerda. A crítica ao consumismo polos seus efectos ecolóxicos e sociais apuntan á necesidade de potenciar formas de vida máis austeras, con menos malgasto material, con menos tempo dedicado a producir bens daniños. Tamén apunta a outro tipo de malgasto: o da proliferación de actividades de dubidosa utilidade, deseñadas para protexer desigualdades, privilexios, ou simplemente a estiñar os mil e uns efectos perversos (as externalidades negativas, os custos sociais) que xera o funcionamento habitual do capitalismo “normal”. Neste sentido, a austeridade ten tanto de renuncia a un consumo desaforado, como de demanda de maior racionalidade social e ecolóxica.
Mais isto ten pouco que ver coas propostas de austeridade que emanan do poder, por varias razóns básicas. En primeiro lugar, porque as presións actuais se centran nas rendas salariais directas (salarios) e indirectas (pensións), sen que incorporen unha proposta seria de control das rendas non salariais. Tampouco non teñen en conta a existencia de desigualdades e de sectores da poboación que están en situacións de depauperación. As pensións e rendas públicas son doadas de controlar (deixando de lado a resposta social que poida provocar unha política de recortes), abonda cun trámite orzamentario. Os salarios tamén, pois dependen dunha negociación colectiva puntual e, en moitos casos, bastante centralizada. Chega con convencer os líderes sindicais. As outras rendas son moito máis difíciles de controlar, porque dependen dos prezos que fixan as empresas, nun exercicio individual e estendido no tempo. Só se poden regular con mecanismos como o control de prezos ou, a posteriori, con cargas fiscais e sancións ás empresas que realizaron subidas de prezos abusivas. Ambas as actividades —control de prezos ou de beneficios— exixen contar cun aparello de supervisión administrativo potente e tecnicamente solvente, que non é o caso na actualidade. Hai anos que a Economía dominante impuxo a idea que intervir os mercados é mala cousa (Stiglitz, o Nobel de Economía máis radical, escribiu bos traballos mostrando as mil e unha irregularidades dos mercados reais, para acabar case sempre cunha profesión de fe na competencia perfecta), e carecemos dun bo sistema institucional que sirva, cando menos, para detectar as situacións oligopolistas, os abusos de poder e os colos de botella dos sistemas produtivos.
As institucións reguladoras da competencia en teoría encárganse diso, pero parten dun enfoque inadecuado (só hai manipulación do mercado cando hai colusión), carecen de recursos e case sempre acaban controladas polos grupos económicos que pretenden regular. Recentes exemplos da CNMC española son ilustrativos: descobren tras vinte anos unha repartición de obra pública entre sete empresas que actuaron á vista de todo o mundo; elabora un informe sobre o sector de pisos turísticos que máis ben parece un panfleto do propio lobby; a actual presidenta tense que abster en numerosos informes porque era a representante legal do lobby ao que hai que regular, etc. Sen unha proposta seria de como pensan regularse as rendas do capital, toda política de austeridade é un simple eufemismo clasista.
En segundo lugar, unha política de austeridade debe basearse en garantir a cobertura do nivel de vida básico a todo o mundo, e debe ser máis rigorosa coas rendas elevadas, as que consumen maiores cantidades de recursos. Na maioría das sociedades de clases o consumo desmesurado das elites e a súa exhibición ostentosa foron da man da miseria dos demais. Unha política de austeridade decente debe incorporar tanto mecanismos de sanción ao consumo excesivo como garantías de rendas aos sectores máis necesitados. Tecnicamente, poden deseñarse moitas fórmulas: impostos, esquemas de rendas, subvencións ou controis de prezos básicos... Mais a súa implementación exixe un debate social previo que xustifique tanto a súa introdución como a vía que se considere máis eficiente e práctica de levalo a cabo. As actuais demandas de moderación que toman a todo o mundo por igual non son de recibo. Como xa comentei outras veces, o mesmo feito de tomar un único IPC como expresión da inflación (e acabar dicindo que todos somos un ×% máis pobres) inclúe en si mesmo unha miraxe. Pódese chegar a un mesmo aumento do IPC por vías moi diversas, cada unha ten uns impactos distributivos diferentes porque os consumos da xente difiren (basicamente en función do nivel de renda). E, por iso, debemos esixir que haxa análise máis finas sobre como impacta a inflación nas rendas máis baixas co obxectivo de elaborar boas medidas de garantías de rendas básicas.
En terceiro lugar, a austeridade require unha reorientación global da vida económica e social. Non se trata da austeridade do avaro, obsesionado en acumular diñeiro e case sempre tirano co consumo dos demais (e bastante condescendente co propio). Trátase dunha reorganización social que garanta benestar básico, que xere espazo e tempo para que todo o mundo poida vivir unha vida aceptábel. E da que poden detectarse trazas en moitas experiencias humanas. Precisamente esta é a cuestión á que nos enfronta a crise ecolóxica: a de buscar formas de vida que teñan en conta os condicionantes naturais para garantir universalmente dereitos e unha vida aceptábel. Nada que ver con apelacións á austeridade que deixan fóra do debate social a propia organización material, eluden o debate sobre o modelo de produción e consumo, esquecen as desigualdades sociais e esquecen tamén as diferentes responsabilidades que cada grupo social ten no desencadenamiento dos problemas que nos ameazan.
III
Nos próximos anos, a ameaza de novas políticas de austeridade —nas súas diversas variantes: salarial, gastos públicos, racionamentos— estará presente. E por iso é máis necesario que nunca contar cunha estratexia para as enfrontar. Unha estratexia que, ao meu ver, debe pasar por confrontar as políticas reaccionarias de austeridade coas ideas que tratei de comentar no apartado anterior: equidade e xustiza social, garantía de condicións de vida básica, reorganización produtiva e social en clave ecolóxica. Non vai ser un exercicio sinxelo, pois as ideoloxías que sustentan as sociedades burguesas pesan moito (e a masa dos que, a pesar de todo, participan dela é o bastante grande para lles garantir apoios). Por iso, tamén, hai que pensar tanto nos grandes discursos como nas cuestións de detalle. Porque con frecuencia algunha das boas propostas da esquerda enléase por problemas de deseño, por non prever todos os procesos para levalos a cabo. Neste sentido, o caso da renda básica é ilustrativo: a medida non é accesíbel a unha parte importante dos potenciais beneficiarios porque non existen mecanismos acaídos a un acceso doado nin un aparello administrativo teimando en conseguilo.
E, neste eido, convén ter clara unha cuestión. Cando hai que racionar recursos (que é o que deixa ver en parte a crise ecolóxica), o racionamento pode facerse vía prezos ou mediante regulacións administrativas. Ambas poden ser eficientes e ambas teñen problemas. O dos prezos é que o racionamento beneficia os ricos e expulsa os pobres. O do racionamento administrativo é que pode xerar numerosas distorsións por mal deseño ou porque a súa aplicación está controlada por redes clientelares, amiguismos, etc. Non hai que se fixar na experiencia do mundo soviético para entendelo; abonda con ver o que ocorre co enchufismo presente na nosa sociedade, e non só privado: é, por exemplo, sospeitoso que as clases ricas acaben tendo un acceso máis doado á cirurxía pública. Hai, pois, que pensar coidadosamente nas propostas, ver os seus posíbeis erros e seguir a súa aplicación.
Aínda que a batalla principal é a das ideas e as propostas, na medida en que persista unha presenza institucional da esquerda, este último aspecto vai xogar sen dúbida un papel no desenlace do conflito. A austeridade burguesa volve chamar á porta. Nunca se foi. É o sino dun sistema económico que acumula demasiadas contradicións e que é manifestamente incompatíbel cos límites do mundo natural. Haina que enfrontar cun discurso realista que poña en evidencia a necesidade dunha profunda transformación social.
[Artigo tirado do sitio web Mientras Tanto, núm. 215, de setembro de 2022]