Reforma laboral: A acción política como exercicio de cinismo
Que é o que transmiten á sociedade o Goberno e os sindicatos asinantes do acordo da reforma laboral? Que non hai outra alternativa que aceptar a chantaxe da patronal e que resulta imposíbel acabar coa reforma laboral imposta polo Partido Popular
Coa validación no Congreso das medidas laborais contida no Real Decreto-Lei 32/2021, asistimos a un auténtico sainete, propio do que José Ortega y Gasset xa cualificaba en 1920 cando escribía: «Eu creo todo posíbel no noso país: é este un corpo podre no seu penúltimo grao de disociación».
Por unha banda, o Goberno do Estado español véndenos que unhas medidas pactadas coa patronal, que impón a imposibilidade de calquera modificación vía parlamentaria, é un paso adiante para as clases traballadoras.
Por outra, agocha e non di nada de que o que queda vixente é o fundamental da reforma laboral do PP. Imposta sen ningún tipo de negociación polo Goberno presidido por Rajoy: prevalencia dos convenios estatais fronte aos autonómicos; mantemento do despedimento barato; flexibilidade da patronal para modificar as condicións laborais en cada empresa; negativa a pagar os salarios de tramitación en demandas laborais; falta de control público nos ERE... Incumprindo o seu compromiso adquirido de acabar coa reforma laboral do Partido Popular.
Que é o que transmiten á sociedade o Goberno e os sindicatos asinantes deste acordo? Pois, nin máis nin menos, que isto é mellor que nada; que non hai outra alternativa que aceptar a chantaxe da patronal; que resulta imposíbel acabar coa reforma laboral imposta polo Partido Popular porque desconfían e non acreditan na mobilización cidadá, á que non chamaron en ningún momento.
A realidade é que non teñen ningunha vontade nin ganas de propiciar un auténtico avance en algo tan importante como son as relacións laborais e tentar presentar como un logro o que en realidade é unha renuncia para conseguir derrubar unhas agresións impostas desde o ano 2012 con premeditación e aleivosía.
Nunca din cales son as razóns polas que, nestes momentos, non se pode derrogar na súa totalidade a reforma laboral. Nin cales son as condicións que se deban dar para que as clases traballadoras poidan conseguir unhas mellores condicións laborais e liberarse das imposicións da patronal. Nunca coñeceremos as ameazas que puxeron sobre a mesa a CEOE e Cepyme para que se aceptasen as súas leoninas condicións e se impuxese o procedemento de imposibilitar a presentación de emendas polos grupos parlamentarios.
O problema co que bateu é que o Partido Popular, primando máis o seu afán por desgastar o Goberno que a evidencia de que este Real Decreto-Lei mantén intacta o fundamental da súa propia reforma laboral, se situou na súa contra, poñendo en perigo o resultado final.
Por iso, seguindo cunha concepción chafalleira da política, o PSOE non dubidou en volver utilizar Navarra como moeda de cambio, ofrecendo a UPN comprar os seus dous votos aprobando, como contrapartida no Concello de Iruñea os investimentos orzamentarios do equipo de goberno municipal e facendo decaer a reprobación do alcalde Maya polas súas declaracións xenófobas.
Malia que uns días antes a portavoz socialista no Concello afirmara que “non me quedou ningunha gana de apostar por outro acordo con Navarra Suma”. Nun exercicio de funambulismo político, e en continuidade co voto que no seu día posibilitou que Navarra Suma obtivese a alcaldía, o PSN garante co seu voto que finalice o mandato da forma máis plácida posíbel, cos seus proxectos orzamentarios aprobados e que o alcalde Maya pasase de ser un xenófobo a deixar de selo. Aínda que, e debido ao trasacordo dos dous deputados de UPN en Madrid nese mesmo momento, o alcalde acabou sendo reprobado. Todo iso sen que se lle puxese vermella a cara de vergoña a ningún concelleiro do PSN. A isto chámaselle «miseria» da política.
Infelizmente este tipo de condutas non resultan novas na acción política á que nos teñen afeitos. É a mesma liña de intervención presente desde os pactos da Transición até os nosos días.
Cando o argumento imperante é o de que non hai ningunha alternativa distinta e mellor que a que nos impoñen a patronal, ou a OTAN, ou o Banco Central Europeo, ou o mercado, ou a propiedade privada, isto non significa senón o final da política con maiúsculas e a entronización da política trapalleira e miserábel como xeito de posuír o poder.
Como afirma o filósofo Byung-Chul Han no seu libro A sociedade do cansazo, actuar politicamente significa «facer que xurda algo do todo distinto xerando unha nova orde social». Todo o contrario do que fai este Goberno que se autodenomina de progreso, e que non vai máis aló do que lle impón a Unión Europea na defensa do sistema económico neoliberal.
[Artigo tirado no sitio web vasco Naiz, do 10 de febreiro de 2022]