Reconstruír ou cambiar o sistema?

Manuel Mera -

A pandemia da Covid-19 marcará un antes e un despois. Que a contradición se resolva a prol das potencias imperialistas e do gran capital, ou cun gran avance para as nacións e as clases subalternas, na construción dun mundo socialmente xusto, igualitario e solidario, depende da capacidade destas últimas para mudar a correlación de forzas

 Pandemias hóuboas sempre na historia da humanidade, mesmo algunhas nas últimas décadas, como a das vacas tolas, SARS, gripe aviar e porcina, MERS, évola e zika. Daquela que hai anos a OMS dixese que se debía estar preparados para novas pandemias, mesmo máis letais. Non se lle fixo moito caso, por iso a humanidade non estaba preparada para se enfrontar coa Covid-19, nin sequera os países máis avanzados, nin aqueles que eran un exemplo en materia sanitaria. Aínda que a repercusión non foi igual en todos os países até este momento, non se pode dar por feito que as tendencias marcadas sexan as definitivas. A esta altura a Covid-19 causou máis de 900.000 mortes e está a condicionar a vida en todo o mundo, tanto en termos económicos como sociais, e pode que tamén xeo-estratéxicos.

 Así mesmo, hai que ter en conta, a alerta da OMS respecto de que non abonda coa chegada da vacina, xa que o virus non entende de fronteiras, polo que non estará controlado até mediados de 2022 dada a súa expansión a todo o mundo. E o máis importante, e que debemos termos en consideración para planificar o futuro, é que a humanidade pódese enfrontar en calquera momento a novos virus igual ou máis contaxiosos e agresivos. Ademais, non se pode esquecer que non se trata só dun problema de saúde, senón que hai que sumar o cambio climático, o esgotamento de recursos minerais e da auga, e as tensións provocadas por estes límites, que son cada vez máis estreitos. A Covid-19 deixou en evidencia a fraxilidade da humanidade, e que a globalización neoliberal, ou sexa o imperialismo da nosa época, aportou máis problemas que solucións.

 A ruptura do equilibrio coa natureza agudizouse pola enorme concentración e centralización da riqueza e do poder, que alentou a superpoboación do mundo, as migracións masivas forzadas, o desequilibrio demográfico, o amoreamento urbano, a mobilidade estrema tanto de persoas como de mercadorías, a destrución dos ecosistemas a nivel planetario. Polo tanto a superación das actuais eivas e atrancos da humanidade non será posíbel conseguila só cunha reconstrución con algunhas reformas, por exemplo no tema enerxético, como se pretende dende as forzas sistémicas.

 Cómpren transformacións de fondo en todos aqueles aspectos que cuestionan o equilibrio entre o ser humano e a natureza, en todo aquelas cuestións que potencian a desigualdade e precariedade. Non é casual que as clases subalternas sexan onde o virus se propaga máis doadamente. Trátase polo tanto de mudar o sistema produtivo, de repartir traballo e riqueza producida, de rematar co troque desigual entre países, cómpre cambiar certos comportamentos sociais. E non abonda con facelo só nos países centrais do sistema, porque o problema é mundial. Nin tampouco serve realizar máis cambios en beneficio das clases sociais máis poderosas. O contaxio do virus e a degradación da natureza impiden resolver ou acoutar o problema sen unha solución para a totalidade.

 Non é unha transformación que se poida facer nun mes, nin nun ano, polo que é esencial que se debatan e socialicen os obxectivos a corto, medio e longo prazo, e que exista unha folla de ruta, debatida e asumida pola maioría social. Evidentemente hai que ir do concreto ao xeral, do achegado ao global. Tampouco se trata de substituír ou negar todo o anterior no eido material e das ideas, o realizado vai ser necesariamente alicerce. Convén lembrar que a historia da humanidade está chea de conxunturas moi difíciles que se superaron, nalgúns casos con retrocesos porén tamén con avances históricos. Tampouco se pode esquecer que coa pandemia recobrou importancia o público, as medidas de protección para toda a sociedade, a necesidade de achegar a produción dos bens esenciais aos consumidores/as. Ou sexa, colleu forza o comarcal e nacional galego (e de territorios máis próximos), fronte ao global. Foi así en ambos os aspectos malia o poder que teñen as grandes corporacións nos medios, e polo tanto de capacidade para formación subliminal da conciencia, e que perversamente usaron para conseguir apoio tan masivo á globalización neoliberal.

 Todo indica que a pandemia da Covid-19 marcará un antes e un despois. Que a contradición se resolva a prol das potencias imperialistas e do gran capital, ou cun gran avance para as nacións e as clases subalternas, na construción dun mundo socialmente xusto, igualitario e solidario, depende da capacidade destas últimas para mudar a correlación de forzas. Ou sexa, para gañar vontades e organizalas e así poder ampliar as complicidades até convertelas en maioría social. E esa é unha tarefa nacional porén tamén internacional. Non se trata de ignorar o mundo, senón de construír a unidade dende o respecto pola soberanía dos pobos e a democracia.

 

[Artigo tirado do sitio web Nós Diario, do 13 de setembro de 2020]

Volver