O persoal da recollida do lixo de Carballo comezará folga indefinida por un convenio digno
Os traballadores e as traballadoras da recollida do lixo do Concello de Carballo entrarán en folga indefinida este domingo, 8 de setembro, ás 22:30 horas, ao non chegarse a un acordo na negociación do convenio colectivo e ante a negativa da empresa concesionaria (unha UTE integrada por Urbaser e Servizos Gallegos de Lacería) a presentar unha proposta económica que permita dignificar os salarios e as condicións laborais.
A asemblea de persoal, diante da última oferta da UTE Carballo, acordou seguir adiante co calendario estabelecido e, polo tanto, dar inicio á folga indefinida e intensificar as mobilizacións a partir do próximo domingo 8 de setembro.
As xornadas de folga afectarán a todas as quendas en todas as franxas horarias de prestación do servizo, tanto na recollida, no punto limpo e na canceira, como nas oficinas.
“Non nos queda outra saída que continuar coa folga indefinidamente”, valora o persoal. Denuncian a ausencia de propostas mellores en materia económica por parte da UTE Carballo, até o punto de que “a última, achegada nestas últimas semanas, é incluso peor que as anteriores".
Despois de 28 xornadas de folga, a empresa presenta unhas táboas que o conxunto do persoal considera ofensivas, nas que practicamente os salarios do 2024 non medran, agás un raquítico 0,75% de media. Deste xeito, para un peón de día o incremento sería dun 0,15%, é dicir, 2€ ao mes. Ademais, na súa oferta, a concesionaria do servizo nin sequera contempla pagar os atrasos dende xaneiro, senón que só terían carácter retroactivo a xuño.
O responsable da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, subliña que “estamos falando dunha multinacional como Urbaser, con sede en Madrid, que no ano 2023 gañou máis de 210 millóns euros, e á que pouco lle importa que Carballo estea chea de lixo durante todo o verán, mentres os seus traballadores e traballadoras están con soldos de miseria e condicións precarias”.
Todas as categorías no SMI
O responsábel local da CIG lembra que todas as categorías da UTE Carballo están a día de hoxe no SMI “e agora mesmo non hai diferenza entre o persoal condutor que está na quenda de día e o que está na quenda de noite, ou entre un peón de día e un peón de noite”.
Calquera destas catro categorías, reitera, percibe o salario mínimo. Por iso, considera que “este convenio ten que ser a punta de lanza para que a partir de agora os salarios escapen do SMI”.
Outra das principais demandas refírese ao estabelecemento dun complemento de IT no caso das baixas por enfermidade profesional ou común, tendo en conta que se trata dun sector que soporta unha especial penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade.
“A empresa fixo un pequeno movemento neste senso na súa última oferta, pero non chega a cubrir as expectativas mínimas por parte do persoal”, apunta.
Caamaño sinala que aínda que non hai fixada nova data de reunión, as vías de comunicación están abertas "e temos total disposición a seguir negociando. Pero agardamos que a empresa, dunha vez, se mova das súas propostas de miseria e presente unha oferta que nos permita chegar a un acordo de convenio e rematar co conflito".