Reclámanlle ao SEPE que lle abone as prestacións por desemprego dos ERTE ao persoal das orquestras
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT reclámanlle ao Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) que lle abone as prestacións por desemprego derivadas dos ERTE a todo o persoal das orquestras dende a data de entrada en vigor do estado de alarma. Con este obxectivo, representantes sindicais e asociacións empresariais mantiveron hoxe unha xuntanza co xefe da Inspección en Galiza, que lle trasladará a petición ao Ministerio de Traballo.
Os arredor de 3500 traballadores/as do sector das orquestras de Galiza, entre artistas e persoal técnico, están a verse afectados/as por unha problemática que os deixa “en situación de desamparo”: o SEPE está a denegar os ERTE e obrígaos/as a devolver os cartos que percibiron xa que moitos deles/as estaban dados/as de baixa cando se decretou o estado de alarma.
“Por iso as centrais sindicais demandamos tanto as prestacións derivadas dos ERTE como subsidiariamente as de desemprego dende o 14 de marzo, tanto a artistas como a persoal técnico auxiliar”, explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez.
Contratación continuada
Ao mesmo tempo, solicítanlle ás empresas a transformación dos contratos temporais -maioritarios no sector- en fixos-discontinuos unha vez que se retome a actividade normal. Con excepción dende o 1 de xuño até o 30 de setembro, onde a contratación deberá ser continuada. Tamén as instaron a comprometerse a manter, unha vez se reinicie a actividade, o mesmo nivel de emprego que tiñan antes da entrada en vigor do estado de alarma.
Pola súa banda, durante a xuntanza celebrada hoxe na Coruña, o xefe da Inspección de Traballo de Galiza incidiu na necesidade de prestarlle unha maior atención ao sector de orquestras atendendo ás súas especiais características e adiantou que lles trasladará as propostas dos sindicatos tanto ao SEPE como ao propio Ministerio de Traballo.