Reclaman que se manteña pechado o Xulgado do Social 3 de Vigo ante o risco de que se produzan contaxios
O sector de Xustiza da CIG-Administración reclama que se manteña pechado o Xulgado do Social número 3 de Vigo ante o risco de que se produzan contaxios por coronavirus tras coñecerse que a filla dun traballador deu positivo. O local permanece clausurado para levar a cabo tarefas de desinfección, pero e idea é que o luns volva á actividade, “cando o normal é que se manteña o persoal nas súas casas por se aparecen síntomas da enfermidade”.
Dende a central consideran oportuno aplicar o principio de cautela, “sobre todo tendo en conta de que non se trata dun órgano esencial e que ademais hai outros cinco Xulgados do Social funcionando”.
Critican que dende que se coñeceu o caso o que se fixo foi pechar o local o luns e o martes pasado para limpalo, “coa idea de abrilo xa o mércores”. Pero as queixas dos propios/as funcionarios/as forzaron a Administración de xustiza a mantelo pechado durante toda esta semana. “Agora anunciaron que o van abrir este luns, pero os propios/as funcionarios/as non están conformes xa que existe temor a que a enfermidade se propague”.
Por iso dende a CIG entenden que esta decisión pon en risco a traballadores/as e usuarios/as, “xa que o normal é que o persoal se manteña en corentena até descartar a posibilidade de que se produciran contaxios, o que podería afectar seriamente a todo o xulgado”.