"A estatalización da negociación colectiva empobrece as condicións laborais e vulnera a liberdade sindical"
En relación coa estatalización ambos os sindicatos decidiron elaborar unha declaración conxunta na que, ademais de denunciar os obxectivos que pretenden esas organizacións, anuncian os espazos de colaboración que CIG e ELA van compartir para facerlles fronte.
D E C L A R A C I Ó N
As duras reformas laborais aprobadas nos últimos anos polo PSOE e PP estableceron distintas medidas co obxectivo de empobrecer a clase traballadora, favorecer o aumento dos beneficios empresariais e debilitar o papel do movemento sindical. Unha das medidas que favorece devanditos obxectivos é a posibilidade de estatalizar a negociación colectiva que permitiu a reforma de Zapatero (PSOE) de 2011 e que tivo continuidade coa do PP de 2012.
Tras analizar os convenios e acordos estatais, sectoriais e de empresa que CEOE, CCOO e UGT veñen asinando en España ao amparo daquela reforma, CIG e ELA queremos subliñar e denunciar os seus principais obxectivos:
- A estatalización realízase para empeorar sensibelmente as condicións de traballo. A CEOE, CCOO e UGT cumpren o obxectivo que, entre outros, o Banco de España, defendeu para as reformas: dar prioridade aos convenios estatais para devalar os salarios. O Banco explicou que só debían quedar dous ámbitos de negociación, o estatal (afastado da participación real dos e das traballadoras) e o de empresa, este último para flexibilizar ao máximo as condicións de traballo. CIG e ELA subliñan que a día de hoxe esta estatalización ten un efecto moito máis negativo de analizarse desde a perspectiva de xénero: a maior parte dos convenios afectados corresponden a sectores moi feminizados.
- Os convenios ou acordos estatais (sectoriais e de empresa) que nos impiden negociar en ámbitos distintos ao estatal pretenden evitar que outros sindicatos, representativos nas nosas respectivas nacións, sexamos útiles a quen nos elixiron como representantes para negociar as súas condicións de traballo. Na práctica, a estatalización vulnera a liberdade sindical, xa que veta o exercicio dun dos principais contidos que definen ese dereito fundamental: a negociación colectiva.
- O interese da patronal é moi evidente: utilizar os convenios estatais, afastados dos propios traballadores e traballadoras e que impiden, xa que logo, a súa participación, para gañar máis diñeiro precarizando o traballo e, de paso, tratar de facer inviábel a acción sindical e o recurso á folga.
- Pola súa banda, CCOO e UGT ampáranse nas últimas reformas laborais para tratar de favorecer o seu monopolio representativo en todo o Estado. CCOO e UGT dan á patronal o que quere, a cambio de que a CEOE lles recoñeza como únicos interlocutores. Un obxectivo, o do monopolio sindical, que na medida en que nega a outros exercer o dereito fundamental á liberdade sindical e se realiza sen ter en conta os e as traballadoras afectadas, recorda cada día máis ao sindicalismo vertical.
- A CEOE, CCOO e UGT son organizacións españolas belixerantes contra a existencia doutras realidades sindicais en nacións sen Estado, como é o caso de Galiza e Euskal Herria. Esta estratexia estatalizadora que levan adiante deixa en evidencia cuestións que para CIG e ELA son moi importantes; a primeira, a clara insuficiencia do marco normativo das nosas respectivas nacións, que non recolle competencias en materia de lexislación laboral e social; e a segunda, a estreita relación da loita pola soberanía dos nosos respectivos pobos coas condicións de vida e traballo da clase traballadora á que representamos. A negociación colectiva é unha vía capaz de crear normas no ámbito laboral que permiten a un sindicalismo reivindicativo como o que CIG e ELA representamos, exercer unha influencia directa para lograr unha distribución máis xusta da riqueza. Deixarnos sen negociación colectiva aos traballadores e traballadoras vascas e galegas forma parte dunha estratexia compartida por CCOO, UGT, co poder económico e os gobernos, para avanzar no que denominan “unidade de mercado español”, para impedir que exerzamos influencia e, en definitiva, para que sexamos máis pobres.
Ante esta situación, CIG e ELA decidimos poñer en común as nosas experiencias e compartir estratexias para facer fronte á estatalización. Con ese obxectivo:
- Imos formular aos Parlamentos de Galiza e de Hego Euskal Herria (Gasteiz e Iruña) que adopten resolucións en defensa do dereito á negociación colectiva e a favor de que a lexislación laboral e social forme parte do contido do autogoberno vasco e galego. Non existe democracia nin un autogoberno dignos de tal nome sen que dispoñamos dos instrumentos que determinan como se reparte a riqueza nas nosas respectivas nacións.
- Aprobamos que os servizos xurídicos das respectivas organizacións colaboren para preparar a defensa xurídica do dereito fundamental á liberdade sindical e a negociación colectiva.
- Seguimos reivindicando o valor do sindicalismo como instrumento de organización da clase traballadora para facer fronte ás estratexias patronais e dos gobernos que teñen como obxectivo destruír a identidade colectiva que supón o feito sindical. Imos loitar con todas as nosas forzas contra a patronal que pretende impoñer decisións unilaterais baseando as relacións laborais na relación individual empresa-traballador/a, sen sindicatos e sen dereitos colectivos.
¡VIVA A CLASE TRABALLADORA GALEGA!
GORA EUSKAL HERRIKO LANGILERIA!
Comités Executivos de CIG y ELA
Santiago, 10 de maio de 2016