"Queremos cobrar os atrasos de convenio". O persoal repartidor de Cambalache segue en loita polos seus dereitos
O persoal repartidor da coñecida cadea de restaurantes coruñesa Pizzerías Cambalache está secundando este venres a terceira xornada de folga para reclamar o cobro dos atrasos de convenio, o dereito á manutención ao igual que teñen outros compañeiros e compañeiras do sector e o dereito a que se ter unha xornada laboral que lles permita vivir con dignidade.
Para visibilizar a súa loita, os traballadores e traballadoras desenvolveron durante varias horas unha concentración diante do estabelecemento que a empresa ten na Praza de María Pita na que aproveitaron para informar a clientela dos motivos da folga e dar a coñecer a precariedade que sofre este colectivo de cuxa labor dependen miles de euros de facturación pero que apenas ten recoñecidos os mínimos dereitos laborais e soporta unha elevadísima taxa de parcialidade.
Dos preto de 40 repartidores e repartidoras que ten a empresa, só unha persoa está a xornada completa e o máis habitual é ter unha xornada de 15 horas. Ademais este é o único colectivo que non ten recoñecido o dereito á comida, que si teñen o resto de compañeiras e compañeiros do sector de hostalería.
Precisamente foi a loita sindical a que permitiu que o persoal de reparto de Cambalache pasara a estar regulado polo convenio provincial de hostalería en lugar do nefasto convenio estatal denominado Prodelivery. Este cambio, explica o presidente do comité, Iago Barros, xerou unha serie de atrasos salariais que a empresa se negou a asumir a pesar do requirimento feito pola Inspección de Traballo tras a denuncia presentada pola CIG.
Esta negativa foi o detonante da convocatoria destas catro xornadas de folga que está sendo un completo éxito de seguimento, véndose obrigada a empresa a concentrar aos poucos repartidores que non secundan un paro nun único restaurante, coas entregas a domicilio en mínimos.
Porén, malia as repercusións económicas que ten para a empresa non contar con servizo de reparto por segunda fin de semana consecutiva, e máis aínda coincidindo coa festa do San Xoán, e a pesar da insistencia da CIG, a dirección optou por non adiantar a xuntanza co comité de folga que xa estaba prevista para o 26 de xuño; é dicir cos catro días de paro xa cumpridos.
Unha postura que Barros cualifica de irresponsábel e que, apunta, contravén incluso a normativa en materia de folga que obriga a ambas partes a negociar desde o preaviso da folga. Un preaviso que a CIG xa deu o 26 de maio, polo que será transcorrido un mes cando a dirección reciba o comité de folga "para, aparentemente, propor algo que nas 4 semanas e pico anteriores preferiu ocultar, ou cando menos, non ofrecer".
Neste senso, Barros avanzou que mañá sábado remata o calendario de paros previstos pero o comité de folga continuará activo "por se non se producen avances substancias na reunión do luns".
Entre tanto, o persoal segue firme na defensa dos seus dereitos e a participación no paro deste venres está sendo practicamente total. Para mañá sábado, hai convocada outra xornada de folga e unha concentración diante do local que Cambalache ten no Paseo de Ronda, a partir das 12:30h.