Protestan en Verín contra os abusos, a persecución e as coaccións ao persoal de Mercadona
Un grupo de empregadas/os de Mercadona mobilizáronse hoxe en Verín convocadas/os pola CIG-Servizos de Ourense contra o clima laboral de abusos, persecución e coaccións que padece o persoal da compañía de alimentación. Dende a central sindical denuncian que a dirección obriga a traballadoras/es enfermas/os ou lesionadas/os a acudir aos seus postos, impide a conciliación da vida familiar e usa a prima de beneficios para premiar ou castigar.
Con esta concentración diante do establecemento de Mercadona, situado na rúa Rosalía de Castro, a sección sindical da CIG quere rexeitar publicamente a actitude da empresa, que fomenta un clima laboral de abuso e de persecución e acoso ás traballadoras/es que reclaman os seus dereitos. En concreto, censuran que en moitos casos as empregadas/os son obrigadas/os a acudir ao seus postos a pesar de atoparse enfermas/os ou lesionadas/os. “Así esteamos a piques de morrer, obrígannos a traballar, agredíndonos psicoloxicamente e vulnerando os nosos dereitos”.
Problemas físicos que en moitas casos son consecuencia dos altos ritmos e das quendas de traballo impostas, “que son inaceptábeis e que nos producen graves lesións que non se producen noutras empresas do mesmo sector”.
Ademais, o persoal está sometido a valoracións continuas para poder cobrar unha prima que a empresa ofrece en caso de obter beneficios, “pero que nos quita cando lle vén en gana como castigo”. De igual xeito que ataca a quen reclama os seus dereitos.
“E se as persoas afectadas deciden levar ao xulgado as inxustizas que comete a empresa intentan calarnos dándonos unha miseria económica que no caso de que non aceptemos aumentan para non ter que ir a xuízo”. Todo isto acompañado de cláusulas de confidencialidade para que, unha vez que estean fóra da empresa, non poidan criticala publicamente.
Finalmente, sinalan que Mercadona atenta tamén contra os dereitos individuais ao coaccionar para que o persoal oculte as tatuaxes e os piercings que teña en zonas visíbeis. E impide a conciliación da vida persoal, familiar e laboral “mentres vende que ofrece medidas de conciliación pioneiras para favorecer en todo momento o noso benestar”.
Por iso dende a federación de Servizos de Ourense e dende a seccións sindical da CIG en Mercadona de Verín agardan que o resto de traballadoras/es da empresa no conxunto do país se rebele contra esta situación e se vaia sumando ás protestas.