Prorrogado o convenio estatal da construción, con modificacións que precarizan salarios e condicións
Esta mañá UGT, CCOO e a patronal CEC asinaron un acordo parcial que modifica o VI Convenio Xeral do Sector da Construción e senta unha clara declaración de intencións respecto ao que será o VII Convenio, que seguirá a negociarse despois do verán.
Deste acordo desmarcouse a Federación de Construción e Madeira da CIG por entender que precariza aínda máis as condicións laborais do sector da construción, e moi particularmente os salarios, ao consolidarse a perda de poder adquisitivo iniciada no ano 2021, no que o persoal do sector perdeu un 4% polo incremento da carestía da vida, que case triplicou o incremento pactado para o convenio.
Non só se renuncia a compensar esa minoración salarial senón que se consolida, pois renúnciase novamente ás cláusulas de revisión vinculadas ao IPC a ano vencido e con dereito a atrasos. De feito os incrementos pactados para o ano 2022 non chegan nin á metade do medre do IPC rexistrado neste último mes (8,7%). A única revisión salarial -de habela- producirase en 2025 tendo en conta a media do IPC (non o IPC final) e nunca superando o 13% da suma dos tres anos anteriores, mais sen dereito a cobrar os atrasos.
Por outra parte, os incrementos pactados nin sequera chegarán enteiros ás nóminas das e dos traballadores, senón que parte dos mesmos destinaranse a financiar un plan de pensións privado controlado por patronal, UGT e CCOO. A FCM-CIG entende que este tipo de plans "tenden a alfombra vermella para a irrupción dos plans de pensión privados no sector, e obrigando a persoal e empresas do sector a financialo. É un ataque frontal ao sistema público de pensións para que estas organizacións e a banca fagan caixa".
Precarizacións dos contratos
Outro punto de desacordo por parte da CIG co novo texto é a precarización dos distintos tipos de contrato, comezando pola implantación do contrato indefinido adscrito á obra froito da última reforma laboral de PSOE e Unidas Podemos, que só agocha un simple cambio de denominación dos contratos eventuais para sortear a presión de Bruxelas no sentido de reducir a eventualidade en varios sectores da economía.
Mais tamén empeora as condicións dos contratos fixos discontinuos, eventuais por circunstancias da produción e formativos. Ningún deles servirá para atraer máis xente nova ao sector e aínda a disuadirá por precarizar máis a relación laboral e inutilizar contratos que hoxe son útiles e atenden a circunstancias reais, entendendo que todas estas casuísticas poderían encadrarse no propio contrato indefinido adscrito á obra.
En canto á formación, o convenio aumenta aínda máis o poder da Fundación Laboral da Construción, "chiringuito corrupto e opaco integrado por CCOO, UGT e patronais que crearon un auténtico negocio a conta da formación obrigatoria do persoal da construción, xa que estas organizacións son os que fan e desfán, até crear un auténtico negocio con trazas de monopolio a conta da formación da clase traballadora. Pois agora, para aumentar o seu negocio, acapararon a formación de operador/a de guindastre, arqueólogos/as e colocadores/as de elementos prefabricados", denuncia a FCM-CIG.
Non se atenden as demandas do persoal de conservación de estradas
O texto deixa de lado tamén o persoal das empresas de conservación de estradas e autoestradas, para a que se perdeu a magnífica oportunidade de aclarar a súa principal demanda neste intre: o dereito ao recoñecemento do plus de perigosidade polo risco de atropelos e golpes, e renunciando ao resto das demandas propostas nun principio.
Para colmo, engade a CIG-Construción, o novo convenio volve a pactar a reserva de materias, que non é outra cousa que a prohibición expresa de negociar calquera tipo de mellora nas principais materias de negociación (xornada, salarios, condicións) nos ámbitos máis achegados á clase traballadora, sobre todo os convenios autonómicos e provinciais. "Non só non negocian nada bo, senón que impiden que outros o poidan facer", critican.
A CIG non asina o que considera un atropelo á clase traballadora
A CIG expresou a súa disconformidade co acordo e prevé convocar nas próximas datas asembleas de delegados e delegadas en toda Galiza para valorar os prexuízos que lles causa este novo atropelo e propor que se inicie un calendario de mobilizacións no sector, "pois xa está ben de que as patronais e os sindicatos españois sigan a condenar o persoal da construción a ser un sector paria, con peores condicións cada día".
"Agora é o momento xusto de presionar á patronal para arrincar novas e mellores condicións laborais, xa que hai máis demanda de man de obra que en ningún momento da última década", valora a FCM-CIG, que lamenta que UGT e CCOO estragaran esta oportunidade, asinando unha vez máis un acordo de mínimos "que claramente vai en contra dos intereses das/os traballadoras/res e deixando o persoal da construción na estacada".
A FCM-CIG insta a todas/os as/os traballadoras/res do sector a que saian a rúa e traten de reverter e mellorar tanto salarios como condicións nos convenios provinciais. "E mantendo o pulso as patronais do no país como estamos vendo noutros sectores coma o metal ou a carpintería de madeira, que foron á folga precisamente por non aceptar ás primeiras de cambio as propostas de mínimos feitas pola patronal", afirma Mario Maceiras, secretario de negociación colectiva da FCM, que chama ao persoal do sector a rebelarse contra esta situación.