Profesionais da dobraxe en Galiza denuncian unha situación laboral “insostible e ilegal”

Anuncian mobilizacións para o vindeiro día 17 de marzo, en Compostela, en demanda dun convenio digno
Nacional - 29 Feb 2024

Representantes da Asociación de Artistas de Dobraxe compareceron esta mañá en rolda de prensa, xunto con representantes da CIG, CCOO e UGT, para denunciar a situación “insostible e ilegal» que padecen desde hai anos polo incumprimento do convenio colectivo e as condicións laborais no sector.

Unhas condicións que levan a este colectivo a exixir respecto á súa dignidade profesional e o cumprimento do asinado. Entre outras anomalías, aseguran que a dobraxe en lingua galega se está pagando integramente, mais cun salario que leva sen actualizar desde o 2006, mentres que en lingua castelá se paga moi por baixo do estipulado no convenio.

Culpan da situación a patronal do sector, que leva incumprindo durante dúas décadas as xa obsoletas condicións salariais do convenio colectivo. Tamén poñen o foco sobre as ameazas das empresas de non contaren con aqueles intérpretes que non acepten traballar por baixo do recollido no convenio colectivo.

Neste sentido, Adolfo Naya, representante da CIG-Servizos, denuncia a pretensión da patronal de legalizar as “miserentas” cantidades, por debaixo mesmo do convenio, asinado hai 18 anos, que se están pagando para o castelán. Unha proposta que, segundo sinala, xustifican so pretexto de poder competir con outras comunidades. “Queren competir na miseria e iso é inadmisible”.

Por iso desde a Asociación ADA, Artistas da Dobraxe, anunciaron que se mobilizarán o vindeiro día 17 de marzo, en Compostela, para reivindicar “de forma inequívoca e decidida o noso dereito a que se aplique o convenio colectivo”.

Na rolda de prensa, representantes do ADA, nomeadamente a súa presidenta, Desiré Pillado, deron lectura ao seguinte manifesto

MANIFESTO

Os profesionais do colectivo da dobraxe en Galiza vivimos desde hai moito nunha situación insostible e ilegal.

Levamos 18 anos cobrando por baixo do que establece a lei, pero chegou o momento de reivindicarmos de forma inequívoca e decidida o noso dereto a que se aplique o CONVENIO COLECTIVO DA DOBRAXE.

A asociación Artistas da Dobraxe Asociados (ADA) conta nesta loita co apoio dos sindicatos CIG, COO e UXT, ademais da colaboración da xente do noso sector no resto do Estado e dos compañeiros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

O convenio de dobraxe en Galicia ten ámbito autonómico e abrangue os dous idiomas oficiais da nosa comunidade. En canto o galego se cobra integramente (co salario de 2006), as empresas da patronal decidiron tornar máis competitivo o traballo en castelán, deixando de retribuír o que está establecido legalmente. Para iso, determinaron non respectar o convenio e pagar, NO MELLOR DOS CASOS, un 25% menos do que deberan.

Un 25% menos do que establece un convenio QUE NON SE REVISA DESDE 2006. Un convenio que se incumpre desde a súa creación. Un convenio que foi asinado pola nosa propia patronal e, acto seguido, denunciado por esta de maneira premeditada para que NON puidésemos percibir as subas do IPC durante os últimos 18 anos. En definitiva, un convenio IGNORADO E VULNERADO.

Desde o empresario máis modesto ata a gran multinacional, ameázannos con fechar se aplican a táboa salarial legal. Isto únese á coacción de que, de non aceptarmos as súas condicións, non nos chamarán para traballar, sementando así o medo entre o colectivo de intérpretes. Entrementres, moitos dos estudios de Galicia invisten nas súas instalacións e aumentan o número de salas con que contan.

Tanto os traballadores da rama artística, da rama técnica, persoal de producción e administración, traductores e axustadores e persoal de limpeza estamos fartos de ser o sostén de empresas que non deixan de crecer e investir nun sector que está en continuo auxe como é o audiovisual. Vémonos afectados polo desequilibrio que se está producir: mentres as nosas condicións laborais se depauperan, as empresas aumentan a súa produtividade, enriquecéndose á conta do noso esforzo.

Tras varias tentativas de negociación, sempre da nosa parte, non chegamos a acordo ningún. Por iso, desde este momento, vémonos na obriga de denunciar publicamente a situación. Facemos un chamamento á sociedade e á administración pública para nos apoiaren nesta loita.

NON Á NOSA CONTA, PATRONAL. XA NON ESTAMOS DE OFERTA

Non imos dar un paso atrás ata que se CUMPRAN AS NOSAS REIVINDICACIÓNS:

  • Exiximos cobrar o convenio colectivo de dobraxe da Comunidade Autónoma de Galicia. A dobraxe ao castelán debe pagarse como dita a lei, pois os actores e actrices facemos o noso traballo coa máis absoluta profesionalidade e cariño. Igual que cando traballamos en galego.
  • Exiximos que haxa TRANSPARENCIA nos datos. Queremos que as empresas deixen de amañar as contas para que pareza que nos pagan por convenio cando non é así.
  • Exiximos que se faga unha ACTUALIZACIÓN do convenio de 2006 que afecte ás dúas linguas e que nos permita vivir dignamente.
  • Exiximos RESPECTO para esta digna profesión e para os traballadores e as traballadoras que a desempeñamos.

Os actores e as actrices da dobraxe en Galicia sabemos que esta é unha profesión fermosa pero tamén dura. Somos conscientes e asumimos os riscos. Non temos garantido un salario a fin de mes, non hai vacacións pagas e as baixas supóñennos a perda de traballo. Cobrar o que os empresarios queren para manter os seus beneficios non pode ser un risco máis.

Queremos que se respecte a lei, porque a vida sobe e a paciencia se acaba.

Como dicía CASTELAO: "DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS"