O comité presenta conflito colectivo contra a decisión de XEAL de deixar de aplicar o convenio colectivo
O comité de XEAL presentou conflito colectivo contra a decisión da empresa de dar por decaído o convenio colectivo propio e pasar a aplicar o convenio sectorial do metal da Coruña, de condicións inferiores. Isto suporá unha perda de dereitos laborais, sociais e salariais que os traballadores e traballadoras (tanto en activo como o colectivo de persoal pasivo) tiñan recoñecidos e que foran conquistando a través de duras loitas.
Dentro das accións acordadas para frear esta agresión, a representación do persoal presentou esta semana papeleta no SMAC para que inste unha conciliación coa empresa e que esta recoñeza a vixencia e aplique en todos os seus artigos o XII convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas, mentres non se chega a acordo para un novo convenio colectivo.
Esta decisión da dirección xa supuxo que o persoal non recibira en decembro, por primeira vez en corenta anos, o tradicional lote de nadal. Pero este ataque non é algo illado, "senón que constitúe un paso máis na estratexia de desmantelamento e deterioro progresivo das fábricas de Cee e Dumbría dende a chegada hai dous anos do fondo de investimentos TPG-Ithaka".
Período transitorio de seis meses
Despois do recorte drástico da produción, da destrución de emprego e da falta de investimentos nas plantas, alerta o comité que a empresa "ataca agora os dereitos conquistados polos traballadores/as, deixando sen aplicación o convenio propio e eliminado as melloras que o texto recolle, tanto a nivel laboral, como económico e social".
De feito, a dirección xa remitiu escrito ao persoal comunicándolle un período transitorio de seis meses para a aplicación completa do convenio provincial do metal, avanzando xa que non ten vontade de respectar as condicións que actualmente teñen os traballadores/as e que vai modificar xornadas, calendarios, sistema de vacacións, clasificación profesional e todo o relativo á estrutura retributiva.
Ademais, con efecto inmediato quere suspender a regulación que até agora se viña aplicando en materia de permisos retribuídos, antigüidade e acción social (incluído o complemento de Incapacidade Temporal). "É dicir, a empresa quere tocar todas as condicións máis beneficiosas que estaban recollidas no convenio propio e recortar de golpe os dereitos que tanto custou conseguir".
Algo que nin o comité nin os traballadores e as traballadoras están en disposición de permitir e levarán adiante todas as medidas que sexan necesarias na defensa dos seus dereitos.
Silencio cómplice da Xunta
Neste senso, o comité reitera á demanda á Xunta de Galiza para que interveña "e deixe de ser cómplice destes ataques de XEAL", esixíndolle o inmediato cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TXSG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos.
Para o comité "resulta vergoñento o silencio da Xunta diante da destrución programada das fábricas de ferroaliaxes e o empeoramento das condicións de traballo, cando a empresa está obtendo millonarios beneficios a conta de explotar as nosas centrais hidroeléctricas e cando Galiza atravesa unha crise industrial sen precedentes".