Política Social segue negándose a negociar as condicións laborais do persoal dos centros de atención directa
As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT volveron demandar a dimisión da conselleira de Política Social dada "nula interlocución" para atender as reivindicacións realizadas polo persoal dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores e de atención a persoas con discapacidade), que hoxe desenvolveron a novena xornada consecutiva de mobilizacións.
A pesar do chamamento reiterado ao diálogo, a conselleira segue sen quere abrir unha mesa de negociación para abordar a recuperación dos dereitos recollidos no V Convenio Único do persoal laboral da Xunta que foron recortados en 2012 e que a día de hoxe seguen sen aplicárselle a este colectivo.
"Pedimos a dimisión da conselleira por confinar o dereito a negociación colectiva do seu persoal", asevera a secretaria nacional do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos. Critica que dende o comezo da pandemia, Política Social negouse a negociar as condicións de traballo do seu persoal impoñendo traslados, cambios de horarios e funcións.
Unha situación que debera rematar co decreto do estado de alarma "pero continúa prolongándose a excepcionalidade e abuso do persoal empregado público das residencias de maiores, centros de atención á discapacidade ou centros de menores". Agora, ademais, co comezo da súa actividade, tamén se sumaron ás mobilizacións as traballadoras e traballadores dos centros de día.
Neste senso, a responsábel da CIG-Autonómica afeou as palabras de Fabiola García que hoxe asegurou a través dos medios de comunicación estar disposta a escoitar as demandas, mais entende que agora non é o momento, senón que hai que remar todos xuntos. Unha afirmación á que Burgos retruca que "cando no barco entra auga non se pode remar porque non avanza, afunde".
Amortización de prazas e recorte do orzamento para contratacións
Lembra que baixo a escusa da crise económica, dende o ano 2010 amortizáronse 230 prazas estruturais (90 postos de persoal funcionario e 140 laborais) dos centros de atención directa e dende ese ano tamén se recortaron en 3 millóns de euros os orzamentos destinados a contratar persoal temporal. Unha contía da que, matiza, "se descoñece que cantidade foi efectivamente destinada á contratación de persoal de substitución e reforzo nos centros residenciais (por días libres, vacacións, etc.)".
Para visibilizar a magnitude do impacto que ten nos cadros de persoal, Burgos sinala que con estes cartos a Consellaría aforra a contratación durante un ano de 50 médicos/as, ou 56 sicólogas/os, ou 64 asistentas sociais, ou 76 ATS e fisioterapeutas, ou 96 auxiliares de enfermería e xerocultoras, ou de máis de 100 persoal camareiro-limpador.
Este recorte no persoal foi posíbel, salienta Burgos, pola suspensión dos dereitos das traballadoras e traballadores das residencias de maiores, centros de menores, de atención á discapacidade e centros de día, que viron como se lles limitaban os descansos semanais, se lles impuñan unhas xornadas laborais insufríbeis e non se lle compensaba o tempo traballado en domingos e festivos, dificultando a conciliación familiar e laboral e afectándolle de maneira moi negativa á súa saúde.
Necesidade urxente de recalcular as ratios
A sobrecarga estrutural que sofre o persoal vese aumentada agora pola falla de negociación de novos ratios, é dicir, do número de persoas empregadas por praza, no caso da limpeza, dos metros de superficie, etc. "As ratios deben ser modificadas porque se incrementaron as necesidades: as persoas usuarias requiren máis atención e a hixiene das instalacións multipicouse por 3 ou incluso por 10. Resulta imposíbel que co mesmo persoal se poida atender este aumento da carga de traballo", advirte.
A este respecto, Burgos apunta que "o virus non marchou" e que non se pode alongar a excepcionalidade aplicada ás traballadoras e traballadores de Política Social. "A única forma de aguantar co mesmo persoal é ou rebentándoo ou baixando a calidade da atención", alerta. Por iso, pregúntase se o obxectivo da Xunta é deteriorar o servizo público até que non haxa diferenza co privado. E fronte a esta política, reclama que se fortaleza "o servizo que mellor funcionou perante a crise do coronavirus".