Pola normalización democrática, a CIG pide o apoio a Lula nas vindeiras eleccións do Brasil
O vindeiro día 2 de outubro terán lugar as eleccións para a Presidencia do Brasil. Unhas eleccións que serán claves para o futuro do país, con dúas opcións destacadas e claras: ou seguir baixo un réxime non democrático instaurado polo golpe contra Dilma Rousseff e o anterior “ilexítimo” presidente Temer, e consolidado polo fascista Jair Bolsonaro, ou recuperar a senda democrática por medio da elección do que xa fora presidente, Luiz Inácio Lula da Silva.
A uns poucos días das votacións, o goberno autoritario de Bolsonaro segue a dar mostras dese carácter ditatorial e represivo que veu mostrando durante todo o seu mandato. O mesmo mandatario que non derramou nin unha soa bágoa polas máis de 700.000 vítimas da Covid-19, en grande medida, pola súa xestión irresponsábel da pandemia, que instalou o enfrontamento e a violencia na sociedade brasileira, que abriu a libre circulación de armas entre a poboación civil, que está a destruír a Amazonía, que está a poñer os principais recursos do país en mans das grandes multinacionais, o que aplicou medidas contra a clase traballadora e as organizacións sindicais,... está agora disposto a todo para perpetuarse no poder.
Xa o afirmou en Londres: “se non gaño polo 60% será porque houbo unha conspiración do Tribunal Superior Eleitoral (TSE)”. Esta declaración de intencións, e as presións das forzas armadas, para facer un contado paralelo dos votos nas urnas electrónicas, parecen cuestionar, xa de antemán, a legalidade do resultado electoral, ao máis puro estilo de Trump nos EU.
É por isto que, desde a CIG, pola recuperación dun réxime democrático e para afastar do poder o fascismo no Brasil, apoiamos a Lula da Silva neste proceso electoral, e facemos un chamamento para que as 9.014 persoas brasileiras que residen na Galiza lles dean o seu voto.
As últimas enquisas auguran un importante apoio a Lula (52% do voto útil). E estanse a sumar outros apoios importantes, como seis dos presidenciábeis en 2018, ou importantes figuras do mundo da cultura, a música e o espectáculo. Mais, debido a esas ameazas da ultradereita, non disimuladas, é preciso sumar todos os votos posíbeis de apoio a Lula, para que saia electo xa na primeira volta.
Polo futuro democrático do Brasil, polos dereitos da clase traballadora e para que Lula poida levar adiante os desafíos que formulou na súa campaña: rematar coa fame, axudar as familias a renegociar as súas débedas, reformar o imposto de renda, investir en infraestruturas, ou manter os subsidios para a xente máis pobre. Sumámonos ao apoio a Lula e desexamos que poida vencer na primeira volta das eleccións do día 2 de outubro.
#LulaNoPrimeiroTurno
En Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022
Área de Relacións Internacionais da CIG