Piden a dimisión dos responsables de Política Social por “grave inacción e incompetencia” nas residencias de maiores
A CIG-Autonómica denunciou perante Inspección de Traballo e Sanidade a falla de material de protección nos centros de maiores da consellería de Política Social, incluído Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A día de hoxe denuncia que, en moitos deles, aínda non se tomaron as medidas de prevención necesarias nin se dotou de EPI adecuado ao persoal e ademais non se tomaron medidas organizativas necesarias na xestión do persoal.
Fronte a isto salienta o esforzo que están facendo as compañeiras que traballan nos centros de Política Social, nomeadamente nas residencias de maiores, por atender ás persoas que viven alí. Neste sentido subliña que “non temos dúbida de que as persoas maiores están no centro e son un grupo de risco perante a infección do COVID 19, e tamén somos conscientes de que as persoas traballadoras destes centros somos potenciais vectores de infección”.
Por iso consideran que “é perverso” que a Xunta non lles proporcione o material necesario (mesmo o traen dende a casa) xa que “temos claro que o coidado e as precaucións que se teñen que adoptar deben ser as máximas posibles, as mesmas que emprega o persoal sanitario”.
Unha perversión que vén denunciando desde hai anos o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG que clama contra os orzamentos aprobados pola Xunta que son insificientes para abordar as graves carencias existentes en dependencia, en residencias públicas e en atención a persoas maiores.
Falta de EPIs e protocolos
A falta de medios materiais e persoais, de EPIs e de protocolos específicos é o principal problema ao que se enfrontan estas traballadoras á hora de atender ás persoas maiores. Denuncian que, “para colmo, a consellería informa aos centros de que só se actuaría con EPIS completos no caso de positivos no centro, incumprindo así o deber legal de prevención do risco que teñen que ter cara o seu persoal e persoas usuarias. E dicir, só poñen medios unha vez que a infección está dentro. Se é así co período de incubación e latencia que ten a enfermidade poden estar infectadas todas as persoas usuarias cando saia a luz o primeiro caso”.
Por iso consideran que é difícil entender como aínda hoxe hai centros sociais da Xunta onde non hai o material de protección necesario, nin un plan de actuación específico para combater a pandemia, “máis cando estes centros deberan ter stock perante outro tipo de alertas sanitarias que se pode dar habitualmente”.
Casos confirmados
De aí que rexeiten a actitude de “botar balóns fora“ da Xunta de Galiza “culpando ao Goberno central da súa ineficacia e pasotismo e da súa responsabilidade”.
Neste sentido apunta que o que teñen en conta é como está afectando o COVID-19 neste sector da poboación, e concretamente nas persoas usuarias das residencias en todo o Estado. Isto xunto co feito de que hai xa dúas residencias privadas de Galiza con infectados confirmados e dous casos na residencia da Xunta de maiores de Ferrol (asintomáticos). Por iso entenden que é evidente que hai que adoptar todas as medidas posibles para impedir que os nosos maiores das residencias estean en perigo.
Sobre o número de positivos cuestionan ademais os datos xa que “falla coordinación e a información e sabemos que na maioría dos centros hai persoal de baixa (que non asiste a traballar) pero non coñecemos cal é a razón, se é medica ou de conciliación, e de ser médica, se ten relación co coronavirus”. No mesmo sentido apuntan que tampouco se están a facer análises periódicos a todo o persoal traballador e residente.
Denuncia por falta de prevención
Desde a CIG-Administración Autonómica explican que é pola falta de medidas preventivas ante o COVID 19 que o pasado día 18 presentaron denuncia perante a Inspección de Traballo na Coruña e en Ourense, así como ante a Subdelegación do Goberno e a Xefatura Territorial de Sanidade, e agora veñen de facelo en Lugo e Pontevedra. Este foi o último paso logo de solicitar de continuo medidas e medios dende o pasado 5 de marzo aos diferentes responsables da Xunta de Galiza.
Diante desta situación demandan “a dimisión inmediata dos responsables da consellería de Política Social por grave inacción e incompetencia” e mesmo estudan esixir responsabilidades penais. “A conselleira, a secretaria xeral técnica, o subdirector xeral de persoal e o xerente do Consorcio e xerente adxunto son directamente responsables. É necesario que alguén competente tome xa o mando destes centros”, conclúen.