Persoal xubilado e pensionista de Endesa rexeita unha arbitraxe que de partida xa supón perder dereitos consolidados
Persoal xubilado e pensionista do Grupo Endesa procedentes de diversas puntos do Estado concentráronse este xoves diante da sede da eléctrica en Madrid para amosar o seu rexeitamento á arbitraxe do convenio colectivo acordada entre a empresa e UGT, da que tamén dependerá o salario en especie ao que ten dereito este colectivo. Unhas melloras sociais, como a tarifa eléctrica bonificada, polas que os traballadores e as traballadoras tiveron que pelexar durante anos e que Enel (propietaria de Endesa) lles suprimiu en outubro pasado, despois de forzar o decaemento do convenio colectivo.
A protesta, que se desenvolveu entre ás once da mañá e as dúas da tarde, foi convocada pola Coordinadora estatal de Asociacións e Colectivos de Pensionistas e Persoas Xubiladas do Grupo Endesa, ante a inminencia do laudo que antes de finais de mes emitirá o arbitro designado (o ex ministro Manuel Pimentel). Este laudo arbitral será de obrigado cumprimento e definirá os principais puntos do V convenio colectivo.
Os dereitos deféndense
Fernando Branco, voceiro estatal da Coordinadora e responsábel de Enerxía da CIG, lembrou na súa intervención que os dereitos deste persoal existen "porque os loitamos en negociacións, en mobilizacións, cedendo, conseguindo, conveniando, pero sempre avanzando, por iso non podemos soportar en silencio que se pretenda arbitrar toda a nosa historia laboral, todos os nosos dereitos consolidados e garantidos".
Branco lanzou unha advertencia a Pimentel e unha dura crítica "a quen nos impuxo esta arbitraxe" (acordada entre Endesa e UGT), porque ningunea a todo o persoal pensionista e xubilado ao ignorar as súas reivindicacións e porque de partida xa se marca un límite na tarifa eléctrica de 15 mil kw. "O simple feito de entrar na arbitraxe xa supón que perdemos dereitos. Pero que non pensen que esta batalla acaba cun laudo, seguiremos mobilizándonos porque non nos consultan para nada pero queren entrar na nosa economía. E iso non o imos permitir", afirmou.
Branco reiterou que dende a coordinadora seguirán a traballar na rúa e nos xulgados para defender os dereitos deste colectivo, "porque a nosa historia non se arbitra, deféndese". Salientou que "se queren o seu convenio que o negocien", mais advertiu que "Enel quere un convenio que lle saia gratis a nosa conta: beneficios para Italia e as migallas que lle sobren para o persoal activo".
O voceiro da coordinadora lamentou a decisión de UGT de pedir a arbitraxe que supuxo a ruptura da unidade sindical nesta loita "e perder a ocasión de contar coa maior forza laboral da nosa historia: persoal activo e persoal pasivo xunto no mesmo conflito para dobregar a esta empresa que nos quere saquear. Pero non o fixeron, non están a altura do seu cargo sindical", denunciou.
Saquear os beneficios sociais para engordar os dividendos
Este conflito non se pode separar do proceso de descapitalización e espolio que sofre Endesa dende o inicio da súa privatización, sen que isto fixera saltar as alarmas no Goberno español. Dende a súa chegada, Enel, a empresa pública italiana que posúe o 70% do capital de Endesa, non só segregou os activos da filial española, senón que impuxo unha xenerosísima política de remuneracións dos accionistas que obriga a que o 100% do beneficio neto de Endesa pase directamente a dividendos que, á súa vez, son cobrados por Enel.
Esta estratexia limita a capacidade de inversión de Endesa nun momento de cambio estratéxico da compañía, cunha forte aposta polo abandono da produción de enerxía con carbón que ten graves consecuencias sobre o emprego e a economía daquelas comarcas, como a das Pontes, nas que pecha as súas centra térmicas e para as que aínda non propuxo proxectos alternativos. Neste contexto, Enel acordou rebaixar a porcentaxe que se destina a beneficios ao 80% para 2021 e ao 70% para 2022. Aínda así, entre este ano e o ano 2022, a eléctrica repartirá preto de 6.000 millóns de euros en dividendos.
Con esta política de retorno dos beneficios non é de estrañar que a empresa queira meter man nos dereitos sociais conquistados polos traballadores e as traballadoras xa que Endesa debe reservar nos seus balances máis de 760 millóns de euros para afrontar o pago da tarifa bonificada. Cartos que coa supresión deste dereito pasarían a engordar á cifra de beneficios e poderíanse repartirse entre o accionariado.