Persoal do transporte de mercadorías continuou este xoves o calendario de mobilizacións en protesta pola situación de bloqueo total na negociación do convenio colectivo provincial da Coruña. Despois das protestas feitas na cidade herculina e en Compostela, hoxe realizouse unha concentración diante da empresa Transporte de Almacenes Transitarios SA, situada no Polígono industrial de Río do Pozo (Narón).
Logo de diversas reunións da mesa de negociación, a patronal presentou unha oferta económica que, para o ano 2026, resulta mesmo inferior ao IPC interanual de xuño, ademais de afectar só ao salario base, sen actualizar o resto de conceptos (antigüidade, plus de larga distancia, dietas, etc), e coa pretensión ademais de que as subas só teñan afecto dende a sinatura do convenio e non a 1 de xaneiro.
Con esta miserenta oferta, a patronal quere condenar o persoal á pobreza salarial e afondar aínda máis no empobrecemento do sector, que nos últimos anos acumula máis do 12% de perda da capacidade adquisitiva, xa que se só se recolleu un incremento igual ao custe real da vida no acordo de 2025.
Pero ademais, o empresariado non quere entrar a negociar materias que comprometera a abordar no acordo asinado o pasado ano, para mellorar as condicións laborais e salariais do persoal.
Diante deste bloqueo da patronal, as tres centrais sindicais con representación, CIG, UGT e CCOO decidiron iniciar un calendario de mobilizacións e non descartan intensificar as medidas de presión de non producírense avances que permitan chegar a un acordo de convenio digno.