Un grupo de persoas traballadoras da área sanitaria de Vigo mobilizouse hoxe no Álvaro Cunqueiro convocado pola Xunta de Persoal para rexeitar as instrucións de vacacións restritivas impostas, un ano máis, pola Xerencia e denunciar precariedade nas contratacións. Durante a protesta, que se celebrou na porta principal do hospital ao mediodía, escenificouse un día de praia con vestimenta e obxectos propio do período estival. Ao remate da concentración trasladáronse até a oficina do xerente, logrando forzar unha xuntanza para o vindeiro mércores día 25 na que aclarar cuestións das instrucións e abrir un proceso de negociación.
Na Xunta de Persoal lembran que dende hai máis de 10 anos as instrucións de vacacións son cada vez máis restritivas e que seguen sen tomarse medidas organizativas para poder rematar coa situación de precariedade e de déficit de persoal nas distintas categorías.
“Malia que as instrucións aseguran que se realizan para garantir a contratación, non ten suposto unha mellora na oferta de contratación, e incluso son numerosas as ausencias que non son substituídas, mentres que hai persoas traballadoras en listas agardando ser contratadas. Esta situación de precariedade na contratación, sen dereitos nin descansos, ten levado a que profesionais de diferentes categorías busquen alternativas que aseguren maior estabilidade e planificación”, censuran dende a representación do persoal.
Un ano máis, as alegacións realizadas pola Xunta de Persoal non foron tidas en conta, e tras trasladarse á Dirección de Recursos Humanos non foron debatidas nin discutidas, limitando o dereito á negociación e respondendo por correo a negativa das incorporacións das 28 alegacións remitidas. Estas alegacións van dirixidas a poder garantir o dereito ao goce e descanso dunhas profesionais que, na actualidade, teñen maior limitación de goce que no resto das áreas sanitarias, polo que se reclaman medidas que garantan o dereito ao descanso é a conciliación laboral e familiar.
Ao remate da mobilización no exterior do edificio o persoal sanitario trasladou as protestas até as portas da oficina do xerente da área sanitaria, logrando forzar unha xuntanza para o vindeiro mércores día 25 na que aclarar cuestións das instrucións e abrir un proceso de negociación.