Persoal laboral concéntranse nos edificios administrativos da Xunta de cada provincia “pola recuperación dos dereitos perdidos”
Na protesta, convocada polo Comité Intercentros do Persoal Laboral, exixiuse a reversión da Lei 1/2012 de medidas no emprego público, especialmente no que se refire á suspensión do artigo 19 do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, e a derrogación da disposición adicional décimo cuarta da Lei 1/2014, de 19 de decembro de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galiza para o ano 2015, pola que se suspende o art. 19.1 do convenio colectivo, así como o primeiro parágrafo do punto 3.3.8 do acordo polo que se establecen as condicións especiais de traballo do persoal do servizo de prevención de incendios forestais de Galiza.
Ademais, demandaron a restitución do 100% das retribucións en caso de IT, o dereito a comedor, a compensación por traballo en domingos e festivos, a gratificación por xubilación; etc.
Neste senso, dende o Comité Intercentros lembrouse que as/os empregadas/os públicas/os levan sufrido, desde o ano 2010, todo tipo de recortes nas súas retribucións, como a diminución do 5% do salario, a supresión de pagas extras de 2013, a eliminación do complemento específico das pagas extras, etc.
Mais tamén unha redución do complemento por incapacidade temporal e do salario por enfermidade; a eliminación dos días de descanso adicional por antigüidade; a redución dos días de asuntos propios; a supresión do dereito a comedor; a eliminación da compensación por traballar en domingos e festivos; ou redución do descanso semanal a día e medio.
A isto hai que engadir a falta de cobertura de vacantes e taxas de reposición insuficientes para que os centros de traballo conten cun cadro de persoal necesario para atender as demandas dos usuarios e usuarias e que garantan a conciliación laboral e familiar dos traballadores e traballadoras.