Persoal investigador sanitario aproveita un acto do Instituto Galicia Sur en Vigo para reclamar un convenio colectivo único
Persoal de investigación sanitaria aproveitou o acto de inauguración da VIII Edición da Xornada de Encontro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que tivo lugar hoxe no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, para reclamar un convenio colectivo único que regule as condicións laborais nas fundacións públicas de investigación biomédica (INIBIC, FIDIS e FBGS, con sedes na Coruña, Santiago e Vigo) e da fundación pública de Medicina Xenómica, con sede en Santiago.
As persoas traballadoras da fundación pública de investigación Biomédica Galicia Sur (FBGS) recibiron os responsábeis da Consellaría de Sanidade encargados de inaugurar do acto con carteis nos que se podían ler “Esquecidas e Ignoradas", "Convenio xa" ou algunhas das principais reivindicacións a incluír no futuro convenio.
Dende a CIG-Saúde de Vigo explican que se ben nun principio estaba confirmada a asistencia do propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, finalmente as persoas encargadas da inauguración foron o xerente de ACIS, Antonio Fernández Campa, e os xerentes de Vigo e Pontevedra, Francisco Javier Puente Prieto e José Manuel Flores Arias.
“Fernández Campa non foi quen de dar unha explicación convincente sobre por que a representación dos cadros de persoal aínda non foi formalmente convocada para abordar o inicio das negociacións, poñendo como escusa a dificultade de negociar un convenio para as catro fundacións”, denuncian. Cando para a CIG cuestións como a equiparación salarial, os trienios ou unha carreira profesional en igualdade de condicións que o resto do persoal do Sergas son moi doadas de solucionar “se realmente tivesen vontade de facelo”.
Finalmente, dende a central sindical anuncian que consensuarán co resto de sindicatos con representación nas fundacións as próximas mobilizacións, que serán anunciadas nas asembleas de persoas traballadoras que se levarán a cabo nas vindeiras semanas.