O persoal dos centros de chamadas volve colgar os cascos por un convenio digno
Persoal dos centros de chamadas de Galiza está secundando este xoves unha nova xornada de folga para rexeitar as miserentas propostas patronais e reivindicar un convenio colectivo digno, pois aínda que as negociacións comezaron hai máis de dous anos e medio até o momento non se lograron avances significativos que permitan pechar un acordo satisfactorio para o sector. Con motivo da folga, convocada pola CIG e que está rexistrando un amplo seguimento, tamén se realizaron concentracións no Obelisco da Coruña, na Farola de Urzaiz de Vigo e diante das oficinas de Inelcom en Sarria.
A representación da CIG no sector denuncia que na última proposta trasladada, a patronal pretende consolidar a inestabilidade laboral, creando ademais dúas categorías de traballadoras/as: persoas veteranas con contrato indefinido (a maioría a contrato parcial) fronte a unha nova xeración de precariedade á que se lle aplicarían contratos fixos-discontinuos para dar servizo menos de seis meses ao ano -o que nin sequera permite ter a mínima cotización para xerar dereito á prestación por desemprego-, persoal eventual con contrato de 12 meses e afondar na contratación a través de ETT.
"Trampean a normativa laboral para seguir a facer contratos adaptados as súas necesidades, imposibilitando a estabilidade laboral", denuncia a representación da CIG. Neste senso, advirten que abrir a porta a estas condicións de traballo "facilita que, na negociación do seguinte convenio colectivo, a patronal poida afondar máis na precarización das nosas condicións de traballo".
Incrementos salariais de miseria
No aspecto salarial, a patronal négase a negociar uns incrementos dignos que garantan, cando menos, o mantemento do poder adquisitivo, e trasladou unha oferta irrisoria que consiste na renuncia á subas salariais para 2020 e 2021 (cando neste ano o IPC rematou no 6,5%) e nun incremento de 31€/mes para 2022, de 32€/mes para 2023 e de 33€/mes para o ano 2024. Pero estas contías, ademais, só as percibirían as persoas que teñan un contrato a tempo completo, que son as menos no sector.
Fronte a estas subas de miseria, a representación da CIG subliña que o importe medio das facturas dun fogar subiu 100 euros mensuais "e se comparamos o salario de hai 10 anos a respecto do salario actual, a efectos prácticos estamos cobrando menos xa que a carestía da vida é moito maior, gastamos máis en alimentos, electricidade, combustíbeis ou vivenda". A negativa patronal a ofertar un incremento salarial digno choca cos beneficios millonarios obtidos polas empresas "a conta dos traballadores e traballadoras".
Por iso, a CIG reitera que a loita e a mobilización son o único camiño para lograr un convenio xusto, que recoñeza a profesionalidade do persoal, dignifique as súas condicións laborais e salariais e para que "cando quedemos sen emprego e caiamos noutra empresa do sector, as condicións sexan as máis parecidas ás que tiñamos logo de tantos anos de experiencia".