Persoal do transporte en autobús mobilízase en Compostela por un convenio digno

A protesta realizase ás portas do novo calendario de folgas dos días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro
Santiago de Compostela - 09 Xan 2026

Delegados e delegadas do transporte en autobús da provincia da Coruña mobilizáronse este venres na estación de Santiago de Compostela para exixirlle á patronal o desbloqueo da negociación colectiva e un convenio digno que recolla melloras salariais e nas condicións de traballo reais. A protesta desenvólvese coas conversas totalmente paralizadas por parte da patronal e coa convocatoria de seis novas xornadas de folga, que comezarán o vindeiro luns, 12 de xaneiro.

Para ese día tamén están previstas concentracións ás 11:00 horas na estación de autobuses de Compostela, diante das oficinas de Mobilidade da Xunta na Coruña (a carón da estación) e diante do edificio da Xunta en Ferrol.

Coa protesta deste venres, explicaba Ernesto López, representante da FGAMT-CIG na mesa de negociación do convenio, quérese dar un toque de atención á Xunta de Galiza como titular dos contratos pois “coa súa pasividade consinte que a patronal non sente negociar, sen importarlle que as viaxeiras e viaxeiros queden nas paradas sen servizo de transporte”.

Critica que con esta inacción a Xunta tamén colabora na intensificación do conflito, mentres a negociación do convenio segue paralizada, os traballadores e as traballadoras están cos salarios conxelados dende o ano 2024 e cunhas condicións laborais precarias e sen actualizar. “Estanse dando todos os ingredientes para que sexa un dos conflitos máis duros que se lembran neste sector porque a patronal non quere falar e a Xunta de Galiza non fai nada para que a patronal sente negociar”, reitera.

Neste escenario, asevera López Rei, o persoal vese obrigado a continuar coas folgas e mobilizacións para reclamar condicións dignas e salarios xustos, mentres as empresas utilizan ás persoas viaxeiras “como reféns sen que á Xunta pareza preocuparlle”.

As seis xornadas de folga convocadas para este mes, que se suman ás catro realizadas en decembro, desenvolveranse os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23.