Persoal do transporte en autobús maniféstase na Coruña para reclamar un convenio digno

Se a patronal non desbloquea as negociacións, en decembro haberá catro xornadas de folga
A Coruña - 10 Nov 2025

Delegados e delegadas do sector do transporte en autobús manifestáronse este luns polas rúas da Coruña para reclamar o desbloqueo da negociación colectiva e un convenio que recolla incrementos salariais dignos e condicións laborais xustas. A protesta chega tras da ridícula suba presentada pola patronal para este ano e marca o punto de partida dun calendario mobilizador que concluirá na convocatoria de folga no mes de decembro.

“Salario, xornada e máis conciliación” foi a consigna que máis se escoitou na manifestación que saíu esta mañá da estación coruñesa de autobuses e rematou na zona de paradas de Entrexardíns.

O representante da CIG na mesa de negociación, Ernesto López Rei, advertiu que, da patronal teimar na parálise da negociación, no mes de decembro haberá catro xornadas de folga (con datas a determinar polas asembleas de persoal) e á volta do nadal formularase unha folga indefinida.

Critica que a patronal, tras cinco anos co convenio vencido, non ofreceu nada máis que un miserábel 1,2% para este 2025, "sen querer tocar nada máis do convenio". Ante este inmobilismo, afirmou que "é a propia patronal a que nos obriga a ir o conflito e convocar folga" e sinalou que o convenio de transporte en autobús "está desfasado” e xa foi superado pola lexislación laboral en materias como control de xornada ou conciliación.

Unha das reivindicacións do persoal pasa por un incremento dos soldos digno e a introdución dunha cláusula de revisión ao IPC real "que permita garantir o mantemento do poder adquisitivo ante a carestía da vida".

Xunto ás retribucións, unha das materias que o sector leva anos tentando regular é a xornada. "O problema, explica, non son as horas efectivas de traballo, senón o tempo que o persoal pode estar a disposición das empresas. Hai que limitar xa a xornada a disposición. Non pode ser que unha persoa traballe 7 horas pero teña que estar a disposición 15 horas, pasando unha chea de tempo tirada nas paradas".

Relacionado con isto, a representación social tamén demanda axustar o articulado do convenio á lexislación sobre rexistro e control horario. E ademais, incorporar e actualizar os dereitos en materia de permisos "para poder conciliar". Lembrou que o último convenio se negociou hai sete anos e dende entón houbo diversos avances nesta materia.

Durante a mobilización tamén houbo chamados á Xunta de Galiza, como titular dos contratos das liñas de autobús, a que interveña para desbloquear a negociación e se implique en serio para evitar a folga nun servizo que afecta a milleiros de persoas como a mobilidade colectiva por estrada.