Persoal do Sergas concéntrase en demanda da recuperación dos acordos suspendidos
Persoal do Sergas concentrouse esta mañá, coincidindo coa segunda xornada de folga, diante da consellaría de Sanidade para exixir a recuperación dos seus dereitos laborais e salariais, suspendidos desde o ano 2010. Ao remate da mobilización a CIG-Saúde, convocante da folga, fixo entrega dun escrito no que se resumen todas as súas demandas.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou a negativa do Sergas a negociar o calendario de recuperación deses dereitos e anunciou que “non imos cesar até que a administración asuma a súa responsabilidade, sente na mesa sectorial e recoñeza que temos dereito a ser retribuídos/as polo noso traballo en igualdade de condicións ao persoal do resto dos servizos sanitarios do estado”.
Para Abuín tamén se ten que ter en conta que “o complemento específico das traballadoras e traballadores do Sergas polo que se retribúen as condicións específicas do posto de traballo, os coñecementos técnicos necesarios, a responsabilidade, penosidade e perigosidade non pode seguir sendo o 50% do que cobra o persoal da Xunta de Galiza”.
Xunto a isto lembrou que “este déficit do complemento específico o vimos arrastrando desde que Feijóo era secretario xeral da consellaría de Sanidade e asinou acordos con algunha organización sindical para consolidar esta perda salarial alá polos anos 90”.
Profesionalidade do persoal público
No escrito a CIG-Saúde salienta a alta valoración que a cidadanía galega concede á sanidade pública grazas ao bo traballo e profesionalidade do seu persoal. Profesionais que Abuín sinala que “co seu esforzo levan anos minimizando os efectos dos recortes, soportando unha enorme precariedade laboral e moitos deles/as sen dereito a un mínimo de estabilidade, garantindo aínda así que todas as persoas se sintan protexidas durante o seu proceso de enfermidade”.
A CIG-Saúde entende que non se pode consentir o trato que recibe o persoal do Sergas e advirte que “co apoio de todos os traballadores e traballadoras seguiremos a nos mobilizar até recuperar todos e cada un dos nosos dereitos”.
A central sindical agradece a todo o persoal que secundou a folga o respaldo a estas demandas malia as presións que sobre eles/as exerceu a administración a través das xerencias e denuncia mesmo os cambios de posto de traballo realizados para ocupar os ocos do persoal que exercía o seu dereito.
Adxúntase o escrito.