![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
Persoal do sector da limpeza de Lugo mobilízase para denunciar o bloqueo patronal na negociación do convenio
![](assets/images/d/16-04-06%20Convenio%20limpeza%20Lugo07.grande-e7bcffad.jpg)
A protesta tivo lugar pouco antes de reunión da mesa negociadora e, de primeiras, serviu para provocar un mínimo movemento da patronal a respecto da cuestión económica. Porén, explica Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, a oferta empresarial continúa a ser ridícula: conxelación salarial para 2015, incremento do 0.25% para 2016 e para 2017 unha suba do 0.50%.
“Logo da asemblea de traballadores/as e a concentración, a patronal moveu o incremento de 2016 até o 0.40% e o do ano próximo ao 0.60%”, apuntou. Cantidades que seguen a estar moi afastadas das demandas da parte social e que non amosan unha “verdadeira vontade negociadora por parte da patronal”.
No tocante ás cuestións sociais, reclámanse melloras nos días de asuntos propios ou recoller no texto do convenio a ultraactividade indefinida, fronte ás pretensións das organizacións empresariais de limitar a vixencia a un máximo de tres anos. Onde se produciron certos avances, sinala Antas, foi na cobertura das vacantes ou a respecto do persoal a tempo parcial.
O convenio provincial do sector da limpeza de Lugo (polo que se rexen arredor de 1.500 traballadoras e traballadoras) está caducado dende a 31 de decembro de 2014 e aínda que as negociacións seguen abertas os avances son escasos. De aí que logo desta primeira protesta do persoal do sector xa se estea a valorar a posibilidade de manter un calendario continuado de mobilizacións e asembleas.