Persoal do sector da limpeza de Lugo esixe o desbloqueo da negociación do convenio colectivo
Na xuntanza, explica Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, non se produciron avances de ningún tipo, principalmente debido á posición intransixente que mantén a patronal na cuestión económica e que resulta inasumíbel pola parte social.
A representación empresarial mantivo a oferta presentada na anterior reunión que se concreta na conxelación salarial para o primeiro ano de convenio (2015) e unhas ridículas subas do 0.40% para 2016 e do 0.60% para 2017. Cantidades que Antas cualificou de “auténtica esmola” pois supoñen un incremento nos salarios de 2.70€/mes durante este ano e de 5.70€/mes para o próximo exercicio.
Subas miserentas, subliña a sindicalista, cando estamos a falar dun sector caracterizado polos seus baixos salarios e as xornadas parciais.
Así as cousas, o venres 27 de maio, CCOO, CIG e UGT teñen convocada unha asemblea de traballadoras e traballadores para decidir un calendario de mobilizacións no sector de cara a desbloquear a situación do convenio.
O convenio provincial do sector da limpeza de Lugo (polo que se rexen arredor de 1.500 traballadoras e traballadoras) está caducado dende a 31 de decembro de 2014 e aínda que as negociacións continúan abertas, os avances son mínimos.
Mobilización en apoio ao persoal de Linorsa
Ao rematar a concentración diante da CEL, as delegadas e delegados trasladaron a protesta até a Dirección provincial do SERGAS para demandarlle que inicie o procedemento para rescindir a concesión dos servizo da limpeza que aínda mantén coa empresa Linorsa; do mesmo xeito que xa fixo a Consellaría de Política Social ou o propio SERGAS nos servizos que tiña adxudicados na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés.
Cómpre lembrar que o persoal de Linorsa en Lugo está en folga indefinida dende o pasado 22 de abril en demanda do cobro dos salarios que a empresa (nestes momentos en situación de concurso) ten pendentes de abonarlle.
No marco da folga, unha das principais reivindicacións das traballadoras e traballadores é, precisamente, a rescisión por parte das administracións públicas dos contratos que teñen coa empresa.