Persoal do metal de Lugo quenta motores para a folga cunha concentración no Polígono do Ceao

As asembleas acordaron ir ao conflito en resposta á parálise patronal na negociación dos convenios
Lugo - 01 Out 2026

Persoal de siderometal e de comercio do metal de Lugo mobilizouse este xoves no Polígono do Ceao para reclamar convenios colectivos dignos e rexeitar a parálise patronal na negociación. Esta protesta marca o inicio do calendario de mobilizacións acordado polas tres centrais sindicais en atención ao mandato das asembleas de traballadores e traballadoras, que inclúe a convocatoria de dúas xornadas de folga para os días 14 e 21 de outubro.

“Hoxe estamos aquí para demostrarlle á patronal a firme determinación do persoal a loitar por uns convenios dignos”, aseverou o secretario comarcal da CIG-Industria, Afonso Losada, durante a protesta. Lembroulle á patronal que “aínda ten marxe” para avanzar, xa que antes da primeira xornada de folga hai fixada outra reunión da mesa, pero advertiulle que “debe tomar en serio a negociación se realmente quere evitar o conflito”.

“Ou hai avances concretos e unha proposta cualitativamente boa ou haberá mobilización, ese foi o mandato das asembleas”, reiterou Losada. Criticou que nas oito reunións realizadas até agora, o empresariado nin sequera foi quen de trasladar unha proposta en materia salarial nin de redución de xornada, abordándose só as cuestións menos relevantes.

Neste senso, rexeita as pretensións da patronal de prolongar as negociacións e incide en que o persoal do sector non está en disposición de agardar máis polos seus convenios, tendo en conta a perda constante de poder adquisitivo debido ao medre da carestía da vida, e a necesidade de actualizar non só os soldos, senón tamén as condicións laborais e sociais.

Por iso, Losada agarda que a patronal mude na súa estratexia e presente propostas que respondan ás demandas sociais, se realmente quere avanzar na negociación e chegar a un acordo. Do contrario, “estarán abocando o persoal de siderometal e de comercio do metal da provincia a ir á folga para conseguir condicións de traballo xustas”.