Persoal do Hotel Almirante de Ferrol mobilízase contra o ERTE e reclama a volta á actividade
Traballadoras e traballadores do Hotel Almirante mobilizáronse este luns en rexeitamento á decisión da empresa xestora, Carrís Hoteis, de manter pechado o establecemento até abril de 2023 e aplicar un ERTE durante un ano a todo o persoal. A protesta comezou cunha concentración diante do hotel e despois proseguiu cunha manifestación até as portas do Concello de Ferrol para reclamar a implicación do Goberno municipal neste conflito.
A CIG-Servizos de Ferrol advirte que cada día que pasa aparecen novos problemas para a reapertura do hotel, sumándose reparacións sobre as que xa había, tentativas de roubo nas instalacións e a manifesta falta de interese da compañía por retomar a actividade. Neste senso, sinalan que as avarías que foran o motivo de peche segundo a cadea Carrís Hoteles están xa resoltas, "polo que non se entende agora a negativa da empresa a dar unha oportunidade á posta en marcha deste centro de traballo".
A situación do persoal do Hotel Almirante agrávase porque a maioría xa esgotou as súas prestacións contributivas, e neste momento as persoas que poden estase acollendo a un subsidio non contributivo. Ante esta crítica situación, a CIG-Servizos solicitou da dirección xeral de Relacións Laborais (con quen se reuniu hai unhas semanas) que medie no conflito para tratar de paliar ao máximo o prexuízo causado ás traballadoras e traballadores.
O hotel leva pechado dende a declaración do estado de alarma no mes de marzo de 2020, agás por un pequeno período de tempo no que traballou como servizo esencial, sendo este un dos 49 hoteis do país que abriron por tal causa durante a pandemia.
As negociacións coa parte social do actual expediente iniciáronse cando a empresa xa non se podía acoller máis tempo ao ERTE Covid por finalización das prórrogas aprobadas polo Goberno do Estado, o que supón que a maioría do persoal leva máis de dous anos afectado por sendos ERTE.