Persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo mobilízase “pola seguridade nos postos de traballo”
Persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo concentrouse esta mañá, xunto coa CIG-Saúde de Compostela, ás portas do centro sanitario compostelán para denunciar a ausencia de Plans Funcionais que definan as necesidades das diferentes unidades e as consecuencias que isto está a ter para as traballadoras, sen que a Xerencia aplique medidas axeitadas e prioritarias.
Na mobilización, que decorreu baixo o lema “Pola seguridade nos nosos postos de traballo”, Irene Tato, representante da CIG-Saúde, explicou, respecto dos Plans Funcionais, que son os que definen as diferentes unidades, os recursos materiais e humanos necesarios, tendo en conta todas as categorías profesionais, e establecen ratios seguros de paciente/persoal segundo tipoloxía de coidados, coa definición de funcións e tarefas a desenvolver, xunto cun plan de formación específico.
Porén, denuncia Tato, “a pesar do comezo da elaboración dun Plan de Calidade propio no Hospital Psiquiátrico atopámonos nunha situación de parálise do mesmo, sen que transcenda a consecución de reunións para a súa continuidade de elaboración”.
A representante da CIG-Saúde denuncia tamén que a Xerencia está a eludir a súa responsabilidade para manter unha asistencia sanitaria segura e de calidade, sen tomar as medidas propostas nos requirimentos da Inspección de Traballo no relativo á adopción de medidas médicas e organizativas.
“Claro exemplo disto”, explica Tato, é que, tras do acordo da redución de xornada laboral do mes de abril do ano pasado, con redución de 70 horas de xornada neste ano 2024, “á hora da súa aplicación por parte da Dirección, supón unha perda de profesionais en diferentes quendas de traballo, existindo negativas de reforzo nas unidades tras petición dos profesionais e mantendo mobilizacións de persoal dunhas unidades a outras”.
Diminución de persoal e carencia de equipos de intervención en crise
A CIG-Saúde de Compostela afirma que toda esta situación está a dificultar a actividade asistencial das traballadoras, producíndose un aumento no número de episodios de violencia laboral, sen que existan equipos de intervención en crise e inutilizando o Plan Galego de Saúde mental no seu obxectivo de avanzar cara a contención cero.
Nese sentido, Irene Tato subliña que “a Xerencia desta área sanitaria nega todo deber de protección as traballadoras, sen aplicar medidas preventivas axeitadas, pero si aplica unha hipocrisía e abuso de poder cada vez máis acusado, sen facer reavaliacións dos postos de traballo conforme a normativa, retrasando as convocatorias do Comité de Seguridade e Saúde e vetando os dereitos de liberdade sindical tras petición por parte deste central sindical nos meses de xullo e outubro do ano 2023, dunha reunión extraordinaria para tratamento das diferentes problemáticas nas unidades de psiquiatría, e sen informar formalmente dos datos de violencia laboral externa dos dous últimos trimestres”.
Sen plan de adaptación e mellora estrutural
Segundo a CIG-Saúde, o estado estrutural do Hospital Psiquiátrico “segue a ter moito que desexar”. Aínda non se coñece cal é o Plan de adaptación e mellora estrutural e “cada día chove máis dentro das unidades que fóra, as paredes seguen desconchadas, os comedores presentan buracos nos teitos e paredes, con desprendementos de cascallos en diferentes zonas do hospital, sen haber un protocolo de orde e limpeza para as zonas interiores con xardín que presentan obxectos que ocasionan riscos ... e a pesar do anuncio de obras como na Unidade de Saúde Mental seguimos sen coñecer dita planificación”, conclúe.