Traballadores/as do concesionario de Noyamovil mobilízase ante o incerto futuro da firma
Traballadores e traballadoras de Noyamobil, mobilizáronse este mércores diante do concesionario e na rotonda do polígono do Tambre para demandar que o propietario aclare cal vai ser o futuro da empresa.
O persoal de Noyamovil está en ERTE por forza maior desde que se decretou o estado de alarma. Desde ese momento “os traballadores/as non saben nada, nin do xefe, nin de se a empresa vai ir a pique, porque xa daquela debíanlles a nómina do mes de febreiro”, explica o secretario comarcal de CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco.
A súa preocupación foi en aumento cando no mes de xuño, tras levantarse o estado de alarma, todos os concesionarios comezaron a abrir agás Noyamovil que permaneceu pechada e co seu persoal en ERTE até hoxe. “Diante da incertidume enviámoslle ao empresario un burofax tanto á dirección da empresa, como ao seu domicilio particular, solicitándolle unha xuntanza coa representación sindical. O burofax foi devolto, constando o empresario como ausente e, aínda que lle deixaron aviso, nunca foi a recollelo”, explica Blanco.
Con todo, se ben a empresa está pechada, o concesionario de Mazda, que é do fillo e comparte instalacións con Noyamovil, si está aberto. Por iso a súa preocupación é aínda maior. “Sabemos que había problemas para recibir recambios da Citroën porque non había o pago efectivo como houbera anteriormente, así que supoñemos que algunha dificultade económica tivo que haber, senón a empresa tampouco adebedaría unha mensualidade aos traballadores”, indica o secretario comarcal da CIG-Industria.
A isto Blanco engade que esta empresa estivo descolgada do convenio desde o ano 2011 e non se actualizaron as táboas salariais até xaneiro ou febreiro de 2019.
Con todo o problema, segundo apunta o representante da CIG, é que nunca se comunicou nada nin á representación sindical, nin aos traballadores, nin celebrou reunión algunha para dar conta da situación na que se atopaba a empresa.
Desmantelamento da empresa
O persoal témese ademais que se estea desmantelando a empresa e aproveitando o ERTE para descapitalizala. “Se estás pechado 5 meses e a clientela vai derivada a outros concesionarios de Compostela e mesmo da Estrada, estás xerando a causa para logo xustificar a non reapertura por falta de carga de traballo”, advirten e engaden que “mesmo desapareceu nestes días un coche Citroën antigo que estaba nas instalación”.
Segundo explica Blanco, non se sabe se quen está desviando á clientela é Citroën ou o propio empresario porque “non quedou nin teléfono de emerxencias, nin teléfono de contacto algún”.
Diante desta situación demandan saber que é o que pretende a empresa e, sobre todo, cal vai ser o seu futuro. Por iso hoxe iniciaron mobilizacións, que pretenden que continúen até obter explicacións respecto do que pasou cos cartos, máis tendo en conta que non só atendía a particulares senón que mesmo tiña o mantemento do parque móbil da Xunta de Galiza. “Non sabemos se desviaron o diñeiro ou que foi o que pasou”, conclúen.