Persoal do comercio vario da Coruña reclama condicións dignas e que se negocie xa o convenio provincial

As traballadoras e traballadores tamén rexeitaron as pretensións da patronal ARTE de impor un convenio estatal
A Coruña - 15 Mar 2026

Centos de traballadoras e traballadores do comercio vario da provincia da Coruña manifestáronse este domingo polo centro da cidade herculina para reclamar condicións laborais e salariais dignas, en rexeitamento ao convenio estatal que quere impor a gran patronal do téxtil, ARTE, e para demandarlle ás asociacións empresariais do sector que senten negociar e actualizar o convenio provincial.

A mobilización partiu da Praza de Lugo, onde se concentran un importante número de comercios regulados polo convenio provincial e moitas tendas das multinacionais que en datas recentes constituíron a patronal ARTE, co obxectivo de centralizar a negociación colectiva e degradar os dereitos conquistados polas traballadoras ao longo das últimas décadas.

Lucía Domínguez, delegada da CIG, subliña que o comercio “é a actividade que máis riqueza crea nesta provincia, pero os inxentes beneficios que producimos son acaparados por escasas persoas, mentres nós temos problemas para manter as nosas familias”.

Lembrou que o convenio de comercio vario da Coruña caducou o 31 de decembro de 2025 e dende entón “o persoal está cos soldos e os dereitos conxelados”, mentes a patronal provincial se nega a sentar para negociar as súa renovación. Ao tempo, as grandes empresas do comercio téxtil (como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo) promoven a negociación dun convenio estatal “que suporía un retroceso de 20 anos” nas condicións conquistadas.

Neste contexto, a CIG propúxolle ás patronais galegas a posibilidade de asinar un acordo para protexer os convenios provinciais “da depredación que as grandes multinacionais están argallando dende Madrid”, pero a CEG negouse a avanzar neste marco galego. A este respecto, Domínguez criticou que sexa precisamente a empresa coruñesa “que máis beneficios obtén no mundo” quen  “intente aniquilar o noso convenio provincial desde Madrid”.

Advertiu que esta situación xa se viviu con anterioridade: “as empresas non queren organizarse para negociar aquí, na provincia da Coruña, mentres grandes empresas se aproveitan e negocian en Madrid condicións moi inferiores á que conseguimos hai tempo”.

Por iso, con esta mobilizacións, as traballadoras e traballadores do sector defenderon o dereito a unha negociación colectiva próxima na que poidan decidir e incidir. “Temos que impedir que outras persoas decidan por nós, lonxe de aquí  e nunha mesa chea de multinacionais ávidas de beneficios e de burócratas sindicais”.

Con este obxectivo, Domínguez chamou á organización das traballadoras e traballadores do sector, a unión como clase e a loita colectiva na defensa dos dereitos “contra quen nos arrebata o froito do noso esforzo diario”. “Nós somos as que damos a cara todos os días e a ferramenta imprescindíbel para que as empresas funcionen. E queremos a nosa parte”, aseverou.  

Puxo como exemplo dos resultados da loita ás mobilizacións no sector nos anos 2008, 2013 e 2108 para actualizar e manter vivo o convenio provincial e avanzou: “se as empresa, se a patronal coruñesa non reacciona, continuaremos coa batalla na rúa contra o convenio ARTE, por unha negociación próxima, polos convenios provinciais e por un acordo interprofesional, porque non imos permitir que conxelen os nosos dereitos e os nosos salarios”.