Persoal do comercio exixe ante a patronal da Coruña un acordo marco que blinde os convenios provinciais
A protesta coincide cunha nova reunión da mesa de negociación estatal de ARTE
Traballadoras e traballadores do comercio concentráronse este mediodía diante da sede da patronal coruñesa para reclamar a sinatura dun acordo interprofesional que blinde a prevalencia aplicativa dos convenios provinciais do sector sobre o convenio estatal ARTE que se está a negociar en Madrid.
A protesta enmárcase no intenso calendario de mobilizacións e folgas que o persoal está a desenvolver contra a imposición deste novo convenio - promovido pola patronal ARTE, na que están agrupadas grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark, Uniqlo, Tendam, Kiabi, Bimba&Lola ou Tezenis- e coincidiu coa primeira das tres reunións da mesa de negociación programadas para os días 27 e 28 de maio e 2 de xuño en Madrid.
“Por experiencia sabemos que cando se marca un calendario de reunións tan seguidas é que a negociación está próxima a finalizar. Agardamos que non haxa acordo, que o convenio ARTE non se materialice e que se sigan aplicando os convenios provinciais do comercio como até agora”, valoraba o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján.
Rexeitou este marco estatal, “impulsado por multinacionais que gañan miles de millóns de euros e que significaría precariedade e recortes nas condicións laborais, salariais e sociais das traballadoras e traballadores do sector”.
Alján xa avanzou que, contra este ataque aos dereitos, “non queda outra alternativa que mobilizarse e loitar para impedir que nos impoñan un convenio que supón, entre outros retrocesos, menos salarios, traballo obrigatorio en domingos e festivos, perder o complemento de IT ou a antigüidade”.
Terceiro día de acampada
A concentración, ademais, tivo lugar no terceiro día da acampada iniciada por traballadoras e traballadores diante da sede da CEC para reclamarlle á patronal coruñesa -a máis reticente a avanzar nun acordo galego para o comercio- que dunha vez se constitúa a mesa de negociación do convenio provincial de comercio vario, que caducou pasado 31 de decembro e hai que renovar.
“Estamos aquí porque a CEC é a que está bloqueando tanto a negociación do convenio da Coruña como a posibilidade de sentar a todas as patronais provincias para negociar un acordo marco galego que protexa eses convenios que temos en vigor a día de hoxe”, criticou Alján.
O responsábel sindical incidiu en que a acampada continuará adiante e haberá novas mobilizacións nas próximas semanas. Así mesmo, puxo en valor a resposta que están a dar as traballadoras e os traballadores do comercio, como un exemplo de dignidade, organización e loita na defensa dos dereitos conquistados fronte a unha patronal que quere engordar aínda máis as súas millonarias ganancias.
Así mesmo, as compañeiras e compañeiros que participan en quendas rotatorias da acampada quixeron agradecer o afecto e a atención dispensada tanto pola veciñanza de Monelos como en especial polos locais de hostalería da contorna.
As traballadoras trasladan a súa situación ao presidente da Xunta
Mentres as traballadoras estaban pola tarde na acampada, tiveron coñecemento que o presidente da Xunta de Galiza ía acudir á delegación territorial da Coruña e quixeron aproveitar este feito para explicarlle de primeira man o conflito que está a vivir o sector e demandar a súa intervención ante a patronal para frear este ataque aos dereitos e ás condicións de vida do persoal, nun sector que en Galiza dá emprego a milleiros de persoas, maioritariamente mulleres. Rueda limitouse a escoitar e sinalar que só coñecía o conflito polos medios de comunicación, sen trasladar ningún tipo de compromiso ou posibilidade de xestión para a súa solución.