Persoal do comercio acampa diante da patronal coruñesa contra o convenio ARTE e reclamar un marco galego
O mércores 27 está convocada unha concentración nacional de traballadoras e traballadores na CEC
Nacional/A Coruña - 25 Mai 2026
Un grupo de traballadoras e traballadores do comercio vario iniciaron na mañá deste luns unha acampada diante da sede da patronal coruñesa (Praza de Luís Seoane) para reclamar a sinatura dun acordo interprofesional galego no comercio que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte ao convenio estatal que as grandes multinacionais do téxtil o do calzado pretenden impor para recortar dereitos e salarios.
Con esta medida de presión, as traballadoras e traballadores queren darlle “visibilidade 24 horas” ao seu rotundo rexeitamento ao convenio ARTE (Asociación Retail Textil España) nunha semana na que están previstas dúas novas reunións da mesa negociadora para os días 26 e 27 de maio. “Todo indica que nestas reunións e na que hai o 2 de xuño pretendan pechar a negociación e perpetrar este atraco ao persoal do comercio”, valorou o secretario nacional da CIG-Servizos Carlos Alján.
Denunciou que o convenio de ARTE "significaría unha precarización laboral, a perda de dereitos tanto no económico como no social e deixar fóra dos convenios provinciais a un número moi importante de persoas deste sector".
Por iso, a central sindical reclámalle á patronal que asine un acordo galego que fixe a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte o estatal de ARTE. "Non estamos pedindo máis salarios, só demandamos que se garantan os dereitos conseguidos nas loitas e folgas en cada convenio e que se respecte o ámbito de negociación provincial", subliñou.
Alján criticou que a patronal da Coruña é a máis reticente a sentar a negociar este acordo interprofesional e por iso, “o mércores día 27 viremos concentrarnos na CEC ás 12 da mañá, con delegadas e delegados de toda Galiza”.
Neste sentido, Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, incidiu en que a sinatura de ARTE, ademais dun retroceso de anos nos dereitos, tamén suporá que dentro dunha mesma tenda haxa dous tipos de traballadoras: por un lado o persoal “ao que por lei non lle poden rebaixar as condicións e o salario que xa teñen, e por outro todo o persoal eventual e de nova incorporación que entraría cunhas condicións moi inferiores".
Esta realidade, engadiu, bota por terra o argumento da gran patronal de que negocia este convenio estatal para igualar condicións.
Domínguez advirte que a medida que os convenios provinciais foran decaendo o resto do persoal tamén iría perdendo dereitos e ademais o sector deixaría de ter a capacidade de decidir "dende aquí, o que se negocia". Neste camiño enmarcou a reiterada negativa da patronal da Coruña a constituír a mesa para renovar o convenio do comercio vario, que caducou o 31 de decembro.
Así as cousas, as traballadoras e os traballadores continuarán coas mobilizacións para exixir que se respecten os seus dereitos e unha negociación colectiva de proximidade na que poidan incidir e decidir e que respecte a representatividade saída dos procesos de eleccións sindicais.