Persoal de Urbaser maniféstase no polígono do Tambre contra os incumprimentos do convenio
Traballadoras e traballadores de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo do concello de Santiago, manifestáronse esta mañá no polígono do Tambre, onde están as instalacións da empresa, para denunciar os incumprimentos do convenio e exixir a mediación do goberno municipal para resolver o conflito.
O comité de empresa vén denunciando esta situación desde hai tempo, polo malestar que está xerando no persoal que presta servizo neste centro de traballo. Entre os incumprimentos tanto do convenio, como dos extra convenio apuntan que malia ter todo o cadro de persoal establecidos como libres os días 24 e 31 de decembro, hai un grupo deles aos que a xerencia da empresa se negou a concederllos alegando que como teñen quenda rotatoria non teñen os mesmos dereitos que o resto, que están só en quenda de noite.
Ademais o comité afirma que a ese persoal tampouco se lle cumpre o estipulado en materia de horarios porque aínda que teoricamente están todos coa mesma xornada, uns fan un horario de seis horas e media diarias e eles están realizando 8 horas diarias
A empresa tamén está impedindo, segundo o comité, que se goce do dereito legal á conciliación; que incumpre en cuestión de vestiarios, que están en malas condicións; a eliminación da bolsa de traballo; a falta de organización ou de criterios a seguir á hora de facer cambios de quenda de vacacións.
Xunto a isto denuncian a subcontratación do servizo de “quita e pon” que supón a eliminación de postos de traballo do servizo ordinario empeorando as condicións do persoal subcontratado.
O comité explica que non se convocaron prazas de condutores e que na quenda da mañá están a saír dous camións de carga lateral ordinariamente e un terceiro moi ocasionalmente, e na quenda de tarde está a saír un camión lateral, o que implica que, ou ben saen 3 condutores, ou ben se lle quita o condutor á brigada quitándolle así calidade ao servizo.
O concello mira para outro lado
Diante desta situación, o comité vén reclamando a mediación do concello que se limita a contestar que este é un conflito entre traballadores e empresa. Fronte a isto, o comité lembra que este servizo é unha contrata municipal, que cando se elaboraron os pregos o convenio ía incluído e que é responsabilidade do concello tamén vixiar que as condicións en materia laboral se cumpran.
Na última xuntanza que tiveron, o pasado ano, trasladaron ao goberno municipal todos os incumprimentos que levan meses denunciando, así como o referido aos novos servizos que prestan. Desde o concello informaron de que farían unha auditoría cuxos resultados descoñecen e polos que están agardando. Entre mentres, como hoxe, as mobilizacións continúan.