Persoal de Seguridade Privada sae en caravana pola dignidade e en defensa do sector

A patronal presenta unha proposta que a CIG considera “totalmente insuficiente”
Nacional - 05 Out 2022

Unha caravana de coches de traballadores e traballadoras de Seguridade Privada percorreu as rúas de Compostela, arredor do aeroporto Rosalía de Castro e pola zona de Lavacolla e San Lázaro para dar resposta ás propostas presentadas pola patronal esta mesma mañá. Propostas para as que segundo o representante da CIG-Servizos na mesa de negociación “seguen sen poñerse de acordo” e que, en todo caso, considera insuficientes.

Segundo explica Pedro Pérez, membro da Executiva da CIG-Servizos a patronal APROSER presentou unha nova proposta cunha vixencia de 4 anos, cun incremento salarial para o 2023 do 4%; para 2024 do 3,5%; para 2025 do 3% e para 2026 do 3%. Aceptarían ademais unha cláusula de revisión salarial a final da vixencia do convenio topada até un límite do 1%, sen carácter retroactivo, só sobre as táboas do 2026, abonándose o 1 de xaneiro de  2027.

Pérez sinala que “isto implica que non asumirían a totalidade do IPC no caso de ser superior na vixencia do convenio, condicionando isto á resolución da problemática do transporte de fondos”. Para isto último, APROSER propuxo unha maior flexibilidade da xornada, similar a vixilancia, actualización de funcións e a unha redistribución dos complementos de IT, “reducíndoos para as baixas de curta duración e incrementándoos nos de longa duración”, para o que tería que haber un preacordo á altura do 15 de outubro.

O representante da CIG-Servizos apunta que, xunto a isto, APROSER pretende adaptar o convenio á nova Reforma Laboral en materia de contratación, unha nova redacción no artigo de vacacións, macroconcentracións urbanas, Igualdade e Saúde Laboral “algo que lle ten custo económico” e comprometeuse a enviar  unha proposta por escrito sobre todas estas materias hoxe mesmo, para tratar na reunión do vindeiro 7 de outubro.

Pola súa banda, desde ASECOPS, trasladaron que estarían de acordo cun convenio cunha vixencia de 4 anos, pero que os incrementos e o propio convenio debería ser razoable e equilibrado. Para iso propuxeron un incremento salarial que podería chegar ata o 9,5%, dependendo da evolución do IPC e do PIB, seguindo a fórmula aplicada para o persoal da administración pública e que se concretaría en 2023 cun incremento do 3,5%; en 2024 do 3,5%; en 2025 do 3% e sen concretar o de 2026, a negociar na vixencia do convenio.

Afastados da modernización do sector

Diante destas propostas a CIG, a través do seu representante considerou “totalmente insuficientes” as propostas das patronais. Reiterou que “non buscan unha modernización e adaptación á realidade do sector, nin se fai atractivo para integrar novos profesionais”.

Respecto da proposta de ASECOPS de acordar un convenio razoable e equilibrado, cuestionou a súa oferta de incremento salarial e fixo referencia á redución de xornada, a creación de novos pluses adaptados á realidade, a equiparación do plus de perigosidade ou o incremento dos complementos de nocturnidade e festividade, entre outros.

Pérez considerou que a partir deses elementos “podemos empezar a falar”, máis advertiu que, en caso contrario, “pouco hai que negociar e menos con porcentaxes de incremento como os propostos”.

O representante da CIG valorou a proposta de APROSER no mesmo sentido e advertiu que a CIG non vai asinar un convenio “que non recupere o perdido e que non garanta o poder adquisitivo nos anos de vixencia do convenio”. Demandou ademais a cláusula de garantía salarial en relación do IPC, “sen ir topada e menos sen carácter retroactivo”.

Polo que respecta ao absentismo e a redistribución dos complementos de IT, reiterou que iso “non se toca, agás se é para incrementalo”. No relativo á flexibilidade de xornada de transporte e fondos, asegurou que “non imos negociar nada que precarice as condicións deste persoal”.

Rexeitou que a patronal tampouco queira falar de demandas tan importantes para o sector como a redución de xornada, novos pluses, equiparación do plus de perigosidade ou a prexubilación.

Pérez lembrou que a  CIG, na súa plataforma, incorpora medidas concretas que “modernizarían e farían atractivo o sector para a incorporación de novos profesionais, dando resposta ás demandas do sector, sendo unha proposta razoable e equilibrada”.

Ademais considerou que non recuperar o perdido, non garantir o poder adquisitivo, non querer tocar ningún plus, non incorporar novos, non equiparar o plus de perigosidade, non reducir a xornada, non incrementar o complemento de nocturnidade e festividade, “non é unha proposta que se poida ter en conta”.