Persoal de reparto de Lugo mobilízase contra a política de "mínima contratación" de Correos
O persoal de reparto da unidade de Lugo UR1 concentrouse este xoves diante da oficina da rúa San Pedro en rexeitamento á política de "mínima contratación" que vai aplicar Correos de cara á campaña do verán.
Esta falta de cobertura, advirte a CIG-Correos, "significará unha sobrecarga de traballo para a unidade e posiblemente provocará que en Lugo queden rúas e barrios sen reparto durante un ou varios días ao longo dos vindeiros meses".
Ao berro de "queremos máis contratación" ou " para que chegue o paquete fai falta máis xente", o persoal estase mobilizando dende o pasado 30 de maio todos os martes e xoves, para denunciar a falta de persoal e a sobrecarga laboral.
Subliñan que nos últimos anos esta unidade pasou de contar con 44 carteiros/as a ter só 33, "polo que hai barrios que non teñen carteiro/a" tendo que repartirse estas tarefas entre os compañeiros e compañeiras que quedan. A falta de persoal agrávase pola política de non contratación de Correos, que nin sequera cubre as baixas, o que obriga a ter que realizar horas extraordinarias en quendas de tarde para poder atender todo o reparto.
Unha situación que empeorará de cara ao verán, a pesar do enorme esforzo que fan os carteiros e carteiras para tentar garantir un servizo de calidade e cumprir cos prazos. Por iso, xa advertiron que continuarán coas mobilizacións até que Correos poña unha solución e non descartan intensificar as medidas de presión se non hai resposta da empresa postal.