Persoal de Povisa inicia protestas para forzar a renovación do convenio, que leva oito anos “conxelado”
Un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais mobilizáronse hoxe diante do hospital Povisa de Vigo para reclamar a negociación dun novo convenio colectivo xa que o actual leva “conxelado” dende 2010. As centrais convocantes -CIG, CCOO e CGT-SGPS- denuncian que a dirección do centro privado está a aplicar reducións de xornada ao tempo que aumenta a carga de traballo, xa que o mesmo persoal ten que atender máis usuarios/as.
O calendario de protestas iniciado hoxe cunha concentración ás portas do hospital vigués de 14:00 a 15:30 horas continuarán o vindeiro martes 10 e o xoves 12 no mesmo horario. Ademais, durante as mobilizacións o persoal aproveitará para “ir planificando” outras medidas de presión para reclamar avances na negociación do convenio tras oito anos de parálise.
Dende a representación sindical explican que a pesares de que Povisa e o Sergas asinaron o concerto en 2014 o convenio segue conxelado dende 2010. Unha situación pola que hai un ano recorreron á mediación do AGA, aínda que desde mediados de 2017 non se volveron reunir.
Lembran que “estanse a asinar subidas salariais na maioría de empresas e no convenio provincial” da sanidade privada, mais a dirección de Povisa “non ten présa para negociar e di que as posicións están moi lonxe e quere comezar un convenio dende cero, polo que a negociación está aberta pero conxelada”.
Críticas a Sergas, Xunta e AGA
Ao mesmo tempo, denuncian que co concerto asinado co Sergas, Povisa ten garantido entre o 75 e o 80% dos seus ingresos e incrementou en máis de 1000 os doentes que atende. A pesares diso, “o cadro de persoal é o mesmo, polo que os traballadores/as teñen que desenvolver o seu labor en condicións penosas, son contratados/as con xornada reducida e pídeselles submisión, flexibilidade e dispoñibilidade absoluta”.
Finalmente, critican que mentres se dá esta situación o Sergas, a Xunta e o AGA “miran cara a outro lado”, polo que se senten en total indefensión. “Ninguén nos protexe, a Inspección de Traballo non ten instrumentos, estamos expostos/as, o que denunciamos non acaba en bo porto e a empresa impón as quendas e as condicións que desexa”, rematan.