Persoal de Mercadona mobilízase nas catro provincias contra o convenio asinado por CCOO, UGT e SI
Traballadoras e traballadores de Mercadona mobilizáronse diante de supermercados de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo para manifestar o seu rexeitamento ao convenio asinado polos sindicatos CCOO, UGT e SI. A CIG-Servizos, convocante das mobilizacións, denuncia que empeora as condicións laborais e salariais recoñecidas até agora e afonda na centralización das relacións laborais.
A CIG denuncia que durante todo o proceso de negociación que rematou coa sinatura do convenio de Mercadona non existiu unha negociación real. Afirma que os textos xa estaban previamente pactados á marxe da mesa e que só se incluíron as modificacións que lle interesaban á empresa para adaptar o convenio aos cambios lexislativos e corrixir a redacción ao seu favor naquelas materias nas que estaba perdendo xuízos.
Exclusión dos sindicatos molestos para a empresa
Tal é así que o acordo asinado garántelle a Mercadona a exclusión daquelas organizacións sindicais que, como a CIG en Galiza ou ELA en Euskal Herria, lle resultan molestas por defender e reivindicar os dereitos das traballadoras/es. Exclusión pola que a central vasca desenvolveu tamén concentracións no seu país, coincidindo coas convocadas pola CIG en Galiza.
A CIG-Servizos denuncia que o convenio supón para o persoal perder dereitos salariais e non ter garantido o mantemento da súa capacidade adquisitiva, xa que por primeira vez non se asegura un incremento igual ao IPC. “Establécese unha suba mínima do 2,5%, e se o IPC queda por enriba desa cifra o aumento do salario base dependerá da conta de resultados da empresa, sempre cun tope do 6%”, indican.
A prima de produtividade (que Mercadona utiliza como castigo ou premio ao seu persoal) tamén empeora, ao se dificultar o acceso ao cobro deste complemento e calcularse de maneira proporcional ao tempo de traballo.
Política de persecución ao persoal
Para a central sindical, con este cambio a empresa “agudiza a súa política de persecución ao persoal que cae de baixa, tendo en conta que tamén se modifica a redacción do articulado para facilitar a retirada do complemento de posto de traballo nas situacións de IT”.
Mercadona afianza tamén a súa política anti-conciliación, introducindo dificultades para a concesión das reducións por garda legal, mantendo a xornada laboral anual máis elevada do país, impedindo que se amplíen as vacacións automaticamente cando cadre un día festivo dentro do período de descanso, e autorizando cambios repentinos nos horarios mensuais, entre outras cuestións.