Persoal de menores, atención á discapacidade e infantil 0-3 rodea a Xunta cunha caravana de vehículos
Persoal dos sectores de coidado de menores, atención á discapacidade e educación infantil 0-3 en centros de xestión privada e representantes sindicais protagonizaron este mércores unha caravana de vehículos arredor do edificio da Xunta en San Caetano para reclamar condicións laborais e salariais dignas.
A protesta foi convocada por CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT-SP Ensino, USO, CUT e SNEP quen xa anunciaron novas mobilizacións nas rúas e nos centros de traballo se a Consellaría de Política Social -que ten a compentencia nestes ámbitos- segue facendo oídos xordos as xustas e lexítimas reivindicacións do persoal.
A mobilízación enmárcase na campaña de concienciación social sobre a precariedade laboral que sofren as persoas traballadoras destes tres sectores tan esenciais: discapacidade, protección de menores e reforma e educación infantil 0-3 anos que agrupan a máis de 5.000 persoas en toda Galiza e dos cales arredor do 70-80% cobra apenas o SMI.
Desprezo de política social e inacción da patronal
No manifesto lido ao remate da caravana denunciouse “a actitude de desprezo por parte da Consellaría de Política Social e á calada por resposta ante as nosas solicitudes de reunión”, así como a pasividade dalgunhas patronais e asociacións que xestionan estes centros.
Criticaron o abandono por parte da administración, que “é a responsábel destes servizos públicos que ofrecen e que se definen como “esenciais”, pero que non se atenden, laboral e salarialmente, como tales”.
O persoal lembrou que xa fixeron protestas nas rúas e nos centros de traballo co obxectivo de amosar “a fartura, a preocupación e o tremendo enfado” e para forzar a negociación das súas reivindicacións ante a administración galega e as patronais/asociacións dos tres sectores.
Máis acción reivindicativas
Alén da caravana de vehículos, os traballadores e as traballadoras puxeron en marcha una campaña de concienciación social a través da que pretenden dar a coñecer, por medio de recursos audiovisuais, a realidad das persoas traballadoras destes tres sectores de Política Social e as dificultades, carencias e perigos que acontecen no día a día.
“Queremos facer pública a situación nos centros de traballo (ratios, falta de persoal, cobertura de vacacións e baixas, falta de recursos materiais e de mantemento ou modernización de instalacións, perigosidade, toxicidade, etc.) e das condicións laborais e salariais do persoal (conxelación salarial, absorción de complementos pola suba do SMI, contratos temporais, parciais e fixos discontinuos, licenzas e permisos, conciliación laboral e familiar, etc.)”, apuntaron.
Ademais, neste mes de febreiro están desenvolvendo “os mércores de loita” nos centros de traballo con concentracións reivindicativas para darlle máis visibilidade as súas demandas.
Reivindicacións de cada sector
Discapacidade
-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun Complemento salarial autonómico.
-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.
Menores
-Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, baixada de ratios, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.
Infantil 0-3
- Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.
-Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.
As organizacións sindicais acordaronn que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do CGRLs, no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.
No inmediato, apostan por reforzar no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRLs) a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos humanos e materiais nos tres sectores.