Persoal de hostalaría concéntrase diante do NH Collection como antesala da folga convocada para o 12 de agosto

Denuncian a posición inmobilista da patronal, a súa pretensión de facer retroceder dereitos laborais e reclaman un convenio digno
Compostela - 06 Ago 2026

Persoal do sector de hostalaría de Compostela concentrouse este mércores diante do hotel NH Collection de Santiago e desenvolveu repartos informativos polos locais da hostalería do centro e zona vella da capital de Galiza, este xoves, como antesala da xornada de folga convocada para o día 12, en demanda dun convenio digno.

Na acción realizada este mércores, delegadas e delegados da CIG instalaron unha faixa reivindicando un convenio digno e repartiron panfletos entre a clientela do NH Collection para explicar a situación do conflito laboral. A elección deste establecemento responde a que forma parte da patronal representada na mesa de negociación do convenio colectivo.

A folga, convocada conxuntamente pola CIG, CCOO e UGT, chega tras meses de negociacións sen avances e con máis de ano e medio de convenio caducado. Os sindicatos denuncian que as persoas traballadoras manteñen os salarios conxelados desde xaneiro de 2025 e acusan ás catro patronais do sector na provincia da Coruña de bloquear a negociación e de pretender recortar dereitos xa consolidados.

Eliminar o complemento por IT

Entre outras cuestións, rexeitan a intención empresarial de eliminar o complemento que percibe o persoal durante as baixas por incapacidade temporal, ao tempo que denuncian as condicións de precariedade que sofre un sector marcado por xornadas extenuantes, horas extraordinarias sen remunerar, importantes problemas de saúde derivados do traballo e salarios que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional.

Os sindicatos advirten tamén de que a patronal mantén unha posición inmobilista e que mesmo chegou á última reunión cunha proposta de incremento salarial do 0% para 2025 e 2026, ao tempo que pretende alongar a negociación para evitar o pagamento dos atrasos salariais.

Segundo explicou Marcos del Río, da CIG, o convenio afecta a arredor de 28.000 persoas traballadoras da provincia da Coruña, polo que fixo un chamamento a secundar masivamente a folga do día 12 para forzar un cambio de actitude da patronal e conseguir un convenio que garanta salarios e condicións laborais dignas.

As organizacións sindicais xa advertiron de que a folga do próximo martes constitúe un primeiro paso e que, de non producirse avances reais na negociación, intensificarán as mobilizacións nas vindeiras semanas.