Persoal de Hispamoldes concéntrase en defensa dos empregos e para esixir un plan de futuro
Traballadores e traballadoras de Hispamoldes concentráronse este mércores no Parque Tecnolóxico de Ourense en defensa dos postos de traballo e para esixir un plan de futuro paras as fábricas do grupo en Ourense. A Federación de Industria da CIG denuncia que Quarza Inversiones non está a trasladar a información que se lle requiriu en numerosas ocasións a respecto das contas da compañía, a previsión de emprego ou os plans de futuro, malia que a empresa está obrigada a facilitar estes datos á representación social.
Indalecio Gómez, secretario comarcal da CIG-Industria, apunta que este ocultismo está espertando temores entre os traballadores e as traballadoras "pois se o fondo especulativo Quarza Inversiones, da familia Abelló, apostara por Ourense como aposta pola fábrica de Portugal diríano claramente". Lembra que o pasado ano Quarza se fixo con Hispamoldes (matriz da que forma parte tamén Hispaplasti situada en Pereiro de Aguiar e que ten outras plantas en Palencia, México ou Tánxer), mais a pesar da caída da actividade no departamento de produción, "a nova dirección négase a manter unha xuntanza cos delegados e delegadas da CIG para abordar a situación na carga de traballo e as previsións de futuro".
Neste senso, Gómez subliña que Hispamoldes (que se dedica á fabricación de compoñentes para a automoción) "é viábel en Ourense se Quarza aposta por nós". Por iso, "e aínda sen querer ser alarmistas", o feito de que a empresa "non se comprometa a algo tan básico obríganos a estar vixilantes" e a iniciar mobilizacións "para que non nos deixen parados e paradas". De feito, denuncia que en vez de garantir a carga de traballo, a "única solución da dirección parece que é despedir".
A Xunta debe estar vixilante
Gómez subliña que o grupo Hispamoldes recibiu numerosas axudas públicas da Xunta de Galiza, que está situada nos terreos do Parque Tecnolóxico de Ourense, no cal a administración autonómica ten o 50,52% do accionariado e está presidido polo propio conselleiro de Industria. Nese senso, engade que o Goberno galego "non pode permitir que os novos propietarios, o Fondo de Investimento Quarza, deslocalice o traballo cara a Portugal, poñendo en perigo os postos de traballo en Ourense".