
Persoal de GKN en Vigo mobilízase contra os recortes nas contratas da limpeza

Persoal da empresa do sector da automoción GKN de Vigo desenvolveu onte a terceira mobilización para denunciar os recortes no número de persoas empregadas nas contratas da limpeza de vestiarios, baños e zonas comúns, así como para rexeitar o peche de servizos e zonas de descanso. As concentracións desenvólvense dende o pasado martes 25 de febreiro e continuarán todos os martes de 13:15 a 14:15 horas até que a dirección dea marcha atrás nunha decisión que “atenta contra a dignidade das persoas traballadoras”.

Con estas protestas o comité de empresa quere chamar a atención sobre a falta de hixiene nos baños, vestiarios e zonas comúns, problemática que a representación sindical leva varios meses trasladándolle á empresa a través do comité de seguridade e saúde laboral “sen obter resposta nin unha solución”. En consecuencia, o cadro de persoal está a mobilizarse para reclamar unhas instalacións que cumpran coas medidas mínimas de hixiene.
Neste contexto, o pasado 6 de marzo a Inspección de Traballo realizou unha visita á planta a raíz da denuncia presentada polo comité, tras a que tivo lugar unha xuntanza entre a empresa e a representación sindical na que a dirección se comprometeu a cumprir unha serie de cuestións.
Entre elas, unhas gamas de traballo de limpeza claras, con frecuencias e tempo de limpeza en todas as zonas comúns; non substituír máquinas na limpeza por persoas; melloras nas instalacións do vestiarios e limpeza; recuperar as frecuencias e tempos de limpeza nos baños; apertura de baños anteriormente pechados; melloras no mobiliario das áreas comúns; e limpeza das areas comúns nas quendas de fin de semana.
“Todas estas melloras estanse a conseguir grazas ás mobilizacións e ao compromiso do cadro de persoal, algo que, por parte da CIG, agradecemos sinceramente. Así que as protestas manteranse até que se verifique que se solucionan todos os problemas que teñen que ver coa hixiene nas instalacións”.